spot_img
InicioCondado ParadantaFesta do hóckey en Ponteareas co III Memorial Kiko Represas

Festa do hóckey en Ponteareas co III Memorial Kiko Represas

Será os días 4 e 5 de decembro no pavillón municipal Álvaro Pino, con entrada de balde

Ademais do Torneo Máster 35, celebrarase o I Torneo Hóckey Base ‘Todos Campións’, no que participarán máis de 100 nenos e nenas

Ponteareas réndese esta fin de semana ao hóckey sobre patíns coa celebración da terceira edición do Memorial Kiko Represas, na honra desta figura tan destacada dentro desta disciplina na vila. O evento está organizado polo Hoquei Club Ponteareas en colaboración co Concello e estará aberto ao público con entrada de balde. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó convida “a todas e todos os afeccionados a gozar con estes dous días nos que o hóckey será o gran protagonista da mañá á noite”. “É un orgullo para a vila contar cun evento cunha elevada participación das bases como este, unha grande oportunidade deportiva e un importante pulo para a economía local”, asegura.

Así, os días 4 e 5 de decembro, o pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino acollerá o Torneo Máster 35, un encontro de veteranos que enfrontará aos equipos C.P. Riudebitlles, o O.C.Barcelos, C.P. Las Rozas e o H.C. Ponteareas. O torneo arrancará o sábado ás 18.30 horas coas semifinais, para disputar o domingo ás 17.30 horas o terceiro e cuarto posto e ás 19.30 horas a final.

Por outra banda, o Memorial acollerá por primeira vez este ano o Torneo Hóckey Base ‘Todos campións’, no que participarán arredor de 100 nenos e nenas que aínda non están en competición de sete clubs de Cataluña, Madrid, Santiago de Compostela, Vigo, Mondariz e Portugal (H.C. Ponteareas, C.P. Riudebitlles, C.P. Las Rozas, H.C. Oroso, Traviesas H.C., H.C. Vigo Cíes e Cemar Mondariz). “Será un torneo especial non que non haberá gañadores nin perdedores. Habilitaranse tres pistas para que os e as deportistas poidan xogar partidos todo o día sen marcador e incluso mesturando equipo, para fomentar que se coñezan e compartan experiencias”, explica José Álvarez, presidente do Hoquei Club Ponteareas.

- Publicidade -spot_img