spot_img
InicioBaixo MiñoConcerto de Santa Icía da Agrupación Musical do Rosal

Concerto de Santa Icía da Agrupación Musical do Rosal

O Auditorio do Rosal acollerá este sábado día 4 de decembro ás 19:00 horas, un concerto da Agrupación Musical do Rosal con motivo da festividade de Santa Icía

O concerto deste ano, que xa se realizará de xeito presencial, abranguerá obras de diferentes estilos e autores. O primeiro será un pasodobre vangardista do mestre José Rafael Pascual Vilaplana, director titular das Bandas de Música Municipais de Bilbao e Barcelona, titulado Sit de Plata. Esta obra está dedicada á Banda da Asociación Musical ‘Virgen del Remedio’ de Petrer, en Alicante, para conmemorar o seu XXV aniversario no ano 2014.

Ca segunda obra do programa, e tras a incorporación dos novos músicos á banda, viaxaremos ata a illa de Menorca. The Island of Light (A Illa da Luz) do compositor murciano José Alberto Pina ilustra lendas e lugares desta fermosa illa e está composta en tres movementos. No primeiro, “Cova d´en Xoi”, poderemos escoitar a lenda dun moro alcumado Xoroi, que tras un asalto de piratas, quedou abandonado sen poder embarcar e estivo moito tempo oculto sen que ninguén o soubese. Roubaba durante a noite o que precisaba para alimentarse e durante o día permanecía oculto na cova. Ninguén sospeitaba do ladrón ata que, un día, desapareceu unha moza da zona. Tras unha gran nevarada que cubriu a illa, os veciños atoparon pegadas que os levaron ata a cova, onde descubriron  á moza, que xa era nai de tres fillos. Ó ser descubertos, o pirata saltou ó baleiro. O segundo movemento, “sobre las nubes” sirve para comprender a visión do autor da illa dende o ceo. Música fermosa e expresiva que describe a beleza dun lugar único. A obra remata con “Los Gigantes”, aqueles que, segundo conta a lenda, traballan a pedra e constrúen marabillas arquitectónicas como os famosos “Talaiots”.

Posteriormente entrará en xogo a “Second Suite for Band” de Alfred Reed, compositor do que conmemoramos o 100 aniversario do seu nacemento. Esta suite, subtitulada “Latino Mexicana”, consta de 4 movementos. O primeiro, Son Montuno é un movemento alegre e enérxico cunha gran aportación da música latina. O segundo, “Tango”, é un contraste co primeiro xa que se trata dun movemento lento e onírico, cun delicado acompañamento de tango. A terceira parte da obra, “Guaracha”, é un xénero de música popular que se orixina en Cuba e que posúe un ritmo rápido. E para rematar, un “Paso Doble” que dende o inicio nos traslada unha imaxe de poderío, emocionante e vitorioso.

A entrada será de balde, previa retirada de invitación no auditorio ou reserva no 986 626 311 ou mediante WhatsApp no 609 866 792

A continuación interpretan unha peza na memoria dun gran amigo da nosa banda que nos deixou recentemente, D. Nicolás Camino. Foi a primeira voz da Radio Galega e defensor nos seus programas da música das bandas e corais de Galicia. Co seu sorriso e amabilidade sempre estaba disposto a todo alí onde estivera unha banda de música e tivemos a sorte de contar coa súa presenza no Rosal en numerosas ocasións.

Para rematar o concerto escoitaremos, nunha colaboración co grupo LIROLAI, a Rumba do Muíño. Esta peza ten un especial significado para a Agrupación, xa que foi a escollida, durante o confinamento, para a realización dun vídeo conmemorativo para o día das letras galegas. Serviranos para simbolizar o avance na loita contra o virus e a conquista, paseniñamente, das costumes pre-pandémicas.

Concerto de Santa Icía da Agrupación Musical do Rosal

- Publicidade -spot_img