spot_img
InicioBaixo MiñoFacer o Camiño en Handbike e Joëlette

Facer o Camiño en Handbike e Joëlette

Un grupo de persoas usuarias e voluntarias do Instituto Médico Pedagóxico de Barcelona e de Discamino fixeron un alto na súa viaxe a Santiago e desfrutaron durante dous días do Rosal

Revista Cousas de nº21

 

O Rosal, terra que acolle cos brazos abertas a todas e todos os visitantes, experimentou esta semana momentos de grande emoción coa visita dun grupo de 11 persoas con diversidade do Instituto Médico Pedagóxico de Barcelona acompañadas por voluntarios e voluntarias de Discamino que están a facer o Camiño de Santiago pola Costa camiñando, en Handbike e en Joëlette. Unha cita anual con Galicia na que realizan diferentes tramos do Camiño e que este ano os levou a facer un alto na viaxe para coñecer e desfrutar durante dous días do Rosal.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, amosou o privilexio que foi para o municipio acoller a este grupo, “co que vivimos unha experiencia realmente emotiva. A súa forza, o seu coraxe e a súa alegría leváronnos a compartir con todas e todos eles momentos moi especiais”.

Durante a súa estadía no Rosal, desfrutaron de diferentes actividades de convivencia nas que tamén participou a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, compartiron comidas e ceas e visitaron a Casa do Concello, onde celebraron un divertido pleno. Dous días de grandes experiencias na mellor compaña que remataron con varios agasallos que o grupo xa leva de recordo do seu paso por terras rosaleiras.

Un dos principais obxectivos desta visita anual é que estas persoas con diferentes tipos de discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago con vehículos adaptados, unha experiencia que non só promove a inclusión e a solidariedade, senón que “reafirma os valores de cooperación, achega calidade de vida e retos ilusionantes, beneficiando de xeito incrible á saúde física e mental das e dos participantes. É fundamental que promovamos a inclusión e a igualdade de oportunidades para todas as persoas e experiencias como esta reforzan estes lazos e déixannos unha pegada imborrable”, salientou Rodríguez.

- Publicidade -spot_img