spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaÉxito do Camiño Portugués da Costa

Éxito do Camiño Portugués da Costa

exito-do-camino-portugues-da-costa

O número de peregrinos do Camiño portugués da Costa, así como a súa  satisfacción coa vila de A Guarda e o seu albergue, aumenta cada ano

O Camiño Portugués da Costa, e en particular a ruta que sae dende a cidade portuguesa de Porto, está a acadar cada vez máis sona. Trátase dun dos camiños máis excepcionais xa que, de todos os existentes, só dous van pola costa: o Camiño do Norte e o Camiño Portugués da Costa. E en concreto este ten un gran atractivo pola proximidade ao mar que mantén durante todo o traxecto e as espectaculares vistas que ofrece.

Ata non fai moito era un dos Camiños máis descoñecidos pero o boca a boca, sobre todo a través das redes sociais como Facebook ou Twitter, están a provocar que o número de persoas que o percorren se dupliquen dun ano para o outro. E é que as cifras non menten. Tal e como expresa Antonio Ferreira, hospitaleiro do albergue de A Guarda, no que levamos de ano pernoctaron nestas instalacións 950 persoas, máis do dobre que no mesmo período do ano pasado.

Isto se debe ao aumento de peregrinos que está a ter esta ruta, pero tamén ao bo facer do propio albergue. Antonio Ferreira destaca que o 100% dos peregrinos que chegan ao albergue amosan a súa sorpresa polas características de luminosidade, amplitude, hixiene e comodidade que fan deste un albergue único na súa propia experiencia, xa que el mesmo leva percorridos 15 camiños a Santiago.

De eses 950 peregrinos que pernoctaron no albergue, máis do 90% saíron dende O Porto, e a maioría a pé. O segundo lugar do que máis peregrinos partiron é Lisboa e o resto veñen de 29 localidades diferentes como Santiago ou San Jean Pied de Port. En xeral estes últimos son estranxeiros que collen o voo para regresar ó seus países dende  Porto e aproveitan para facer o Camiño ó revés.

Polo albergue pasan todo tipo de grupos. Viaxan matrimonios, pais con fillos, avós e netos, familias enteiras ou incluso congregacións relixiosas como as que teñen vido de Madrid, Polonia ou a que pasou fai tres días provinte de Eslovaquia. O número de homes e mulleres é moi parello e está case no 50% e en moitas ocasións, hai grupos que se coñecen no propio Camiño e deciden seguir xuntos. As idades son moi variadas, e neste ano o peregrino máis novo foi unha rapaza de 3 anos que ía en bicicleta, mentres o de máis idade foi un home que facía o camiño a pé e tiña case 80 anos.

O hospitaleiro tamén destacou a diversidade da procedencia dos peregrinos. Na súa maioría viñan de distintos lugares de toda a xeografía española, de 38 provincias diferentes. Entre os estranxeiros as nacionalidades máis habituais son portugueses, polacos, alemáns e italianos.  Pero tamén veñen de países tan afastados como Rusia, Kazakhstán, Isla Mauricio, Marrocos ou a India entre un total de 40 países.

Este aumento de afluencia no Camiño Portugués da Costa e de pernoctacións no albergue fixo que este pasado martes día 16 tivera lugar unha situación excepcional. Por primeira vez o albergue de A Guarda tivo unha ocupación do máis do 100% pois houbo que habilitar 5 colchóns a maiores das 36 prazas que ten para atender todas as necesidades de aloxamento.

Está a ser un verán satisfactorio para o Camiño Portugués da Costa e para o albergue de A Guarda. Neste a boa impresión que deixa nos visitantes c seu persoal, a tranquilidade do lugar e as instalacións, como as propias camas ou a cociña, está a ser un valor fundamental segundo o comentado polos propios peregrinos a Antonio Ferreira. Ademais, dende o albergue tratan de dar todas as facilidades posibles para que se o desexan se queden un día máis, como é intención de moitos dos visitantes, para así poder  ver con calma o Monte Santa Trega, as praias de A Guarda, a Rede de Museos e todo o que ten que ofrecer a vila. Deste xeito tratan de facer que o paso dos peregrinos pola vila durante o Camiño Portugués da Costa sexa unha experiencia completa e   satisfactoria e, se é posible, que volten para repetila.

- Publicidade -spot_img