Inicio Alto Minho Éxito de resposta do proceso de participación cidadá para o deseño do...

Éxito de resposta do proceso de participación cidadá para o deseño do Plan De Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST)

Realizáronse un total de 507 enquisas presenciais e online no territorio galego e no portugués

A fase de participación cidadá para o deseño do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) rematou cun grande éxito de resposta: recolléronse un total de 507 enquisas no territorio galego e portugués, unha cifra que supera as expectativas definidas no plan de traballo inicial. Así se puxo de manifesto na última reunión do equipo de traballo do PMST, unha das principais accións do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, segundo informou o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez.

A participación cidadá xoga un papel destacado no deseño do plan e levouse a cabo mediante a realización de enquisas, tanto a pé de rúa como online, a través da web de Smart Minho, así como a través da organización de varios obradoiros nos que o tecido asociativo e económico do territorio puido achegar tanto ideas como as problemáticas ás que se enfrontan no día a día en materia de mobilidade.

O proceso de participación cidadá tivo lugar entre o 12 de febreiro e o 9 de marzo deste ano e concluíu coa realización dun total de 316 enquisas presenciais e 191 cuestionarios online. Cabe destacar que no plan de traballo inicial se contemplara a realización de 200 enquisas presenciais, cifra que se superou en moito.

O plan estudará especialmente a mellora dos desprazamentos entre os tres pares de núcleos que compoñen as eurocidades de Tomiño-Cerveira, Tui-Valença e Salvaterra-Monçao, que aglutinan a terceira parte do total de poboación do territorio.

Rematado o proceso de participación cidadá, o seguinte paso para o deseño do PMST é a identificación de problemas e retos de mobilidade no territorio transfronteirizo. Na última fase desta acción presentaranse as liñas de actuación, medidas e propostas a desenvolver no territorio.

Plan de Mobilidade

O PMST busca planificar un modelo de mobilidade e accesibilidade, entre as eurocidades do Minho, orientado á mellora da calidade de vida das persoas, a seguridade viaria e respectuoso co medio ambiente. Para tal finalidade, é imprescindible contar coa participación de todas as institucións e axentes implicados no territorio para poder compartir opinións e suxestións sobre mobilidade neste espazo compartido.

O estudo abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses, e a unha poboación de ao redor de 376.000 persoas. Unha vez recompilada e analizada toda a información obtida a través das enquisas e obradoiros, poderanse extraer as primeiras conclusións e establecer unha visión global do conxunto da mobilidade na área do río Miño transfronteirizo, cunha proposta de accións piloto lista para desenvolver no inmediato.

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

32FansGóstame
260SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies