A iniciativa ‘Un Millón de Compromisos polo Clima’ cumpriu o seu obxectivo de sumar 1.000.000 de adhesións contra o cambio climático, un reto asumido na presentación deste proxecto por parte da ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, o pasado mes de xuño.
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e ECODES, como promotores desta iniciativa, agradecen a súa participación a todos os cidadáns e entidades comprometidos, xa que a súa colaboración foi fundamental para sumar este millón de compromisos que España presentará como achega ao Cume sobre Cambio Climático que se iniciará o vindeiro luns na capital francesa.
O Cumio do Clima de París (COP21), que se celebrará do 30 de novembro ao 11 de decembro, debe ser un fito para avanzar na transición cara a unha economía baixa en carbono, necesaria para o noso planeta e para a nosa sociedade.
A loita contra o cambio climático constitúe un desafío global ao que debemos responder de forma conxunta, sumando os compromisos de todos, todos os xestos son importantes.
AMPLO MENÚ DE COMPROMISOS
Na web www.unmillonporelclima.es, pódense inscribir os compromisos a favor do clima, ben de forma individual ou como entidade. Nesta páxina, ofrécese un menú de compromisos que reducen emisións de CO2, con máis de 80 accións potenciais para elixir, aínda que tamén cada cidadán pode deixar o seu propio, e así ampliar este menú.
Entre todas estas accións que suman en materia de loita contra o cambio climático, atópanse diversas actividades cotiás que están relacionadas coa enerxía, a auga, a mobilidade, os hábitos de consumo, a reciclaxe, a pegada de carbono ou os investimentos que realizamos.
O proxecto tamén está apoiado nas redes sociais. En twitter: @compromisoclima, e co hashtag: #PorElClima. E en Facebook: https://www.facebook.com/compromisoclima
A páxina web facilita ampla información dos diferentes compromisos que se poden asumir e rexistrar e, o que resulta de maior importancia, as emisións de CO2 que se evitan coa posta en práctica destes compromisos.




