Incorporaranse 40 novas empresas que desenvolverán módulos de formación e outros relacionados coa creación do produto turístico, a formación nas TIC e o márketing
Técnicos de turismo e empresarios do sector mantiveron hoxe unha xuntanza na sede de Turismo Rías Baixas para definir e concretar o desenvolvemento do plan de calidade SICTED en Pontevedra, así como para implantar posibles melloras nas empresas adheridas.
No encontro acordouse incorporar 40 novas empresas que, unha vez adheridas, serán obxecto dun seguimento individualizado por parte dos consultores acreditados deste Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED). Os datos obtidos nas súas visitas serán elevados a unha plataforma informática que recollerá toda a información de cada empresa; paralelamente, as empresas desenvolverán uns módulos de formación de obrigado cumprimento e outros optativos sobre temáticas relacionadas co sector e moi demandadas por el, como son a creación do produto turístico, a formación nas TIC (Tecnoloxías da Información e do Coñecemento) e o márketing turístico.
Os técnicos e empresarios turísticos de Pontevedra acordaron tamén, na xuntanza que tivo lugar hoxe, crear grupos de iniciativa e mellora de destino que atendan ás desviacións identificadas no destino en materia de calidade.
152 empresas e pioneiros a nivel do Estado
A Deputación de Pontevedra foi pioneira no Estado á hora de implantar o SICTED no ámbito provincial. Hoxe en España traballan na súa implantación 180 destinos turísticos cun total de 4.558 empresas distinguidas. A provincia de Pontevedra atópase entre os destinos con máis empresas distinguidas (152).
O Plan de Calidade de Turismo Rías Baixas-Deputación de Pontevedra é unha aposta segura para converter o destino turístico provincia de Pontevedra-Rías Baixas nun destino competitivo e diferenciado grazas ó traballo de todos os axentes turísticos que apostan pola calidade no seu servizo.




