spot_img
InicioPontevedra e ÁreaEl Halcón Milenario, Manuel Aramburu, o Ateneo de Santa Cecilia, Rogelio Groba,...

El Halcón Milenario, Manuel Aramburu, o Ateneo de Santa Cecilia, Rogelio Groba, a Asociación Cultural Danza de Arcos e os concellos de Valga e de Vila de Cruces, gañadores dos Premios Provinciais á Cultura

Halcón-Milenario-Manuel-Aramburu-Ateneo-Santa-Cecilia-Rogelio Groba-Asociación-Cultura-Danza de Arcos-concellos-Valga-Vila de Cruces-gañadores-Premios-Provinciais-Cultura

A Deputación acordou a concesión dos Premios Provinciais á Cultura 2015, cos que se recoñece a aquelas persoas e entidades que cada ano contribúen a enriquecer e a fortalecer o patrimonio cultural e artístico da provincia

O xurado decidiu premiar este ano a Manuel Aramburu e ó Ateneo Santa Cecilia pola súa traxectoria profesional; a El Halcón Milenario como proxecto cultural máis innovador; a Rogelio Groba e á Asociación Cultural Danza de Arcos na categoría de César Dios Diosiño; e ó Concello de Valga e ó de Vila de Cruces pola súa protección e recuperación do patrimonio público. Os premios están dotados con 24.000 euros, 6.000 euros para cada unha das catro categorías establecidas.

Premio á traxectoria cultural

Entre os galardoados nesta edición figura o pintor Manuel Aramburu e o Ateneo Santa Cecilia, ós que a institución provincial lles concede o premio ex aequo á súa traxectoria cultural.

Manuel Aramburu, nacido en León en 1936, iniciou a súa aprendizaxe na cidade de Pontevedra. Está considerado un dos grandes mestres da pintura actual de Galicia, dentro da chamada “xeración de vangardas e silencios”. A deputada Ana Isabel Vázquez destacou que Aramburu “é un exemplo para Pontevedra, un grande artista que, ademais da súa obra, foi mestre de moitas xeracións en Pontevedra; nos xurados todos eramos conscientes de que este premio era máis que merecido, polo seu traballo e pola súa aportación”.

Neste apartado tamén se premiou a actividade que, desde 1952, realiza a prol da cultura o Ateneo Santa Cecilia. O xurado quixo destacar o labor da entidade de Marín en prol da promoción da música, das belas artes, da recuperación do patrimonio ou da cultura tradicional.

Proxecto cultural máis innovador

Como mellor proxecto innovador ou vangardista os Premios Provinciais á Cultura recoñecen o espazo vigués de cultura alternativa El Halcón Milenario, que xurdiu da inquedanza dun grupo de amigos artistas (pintores, deseñadores ou profesionais) por amosar as manifestacións culturais non oficiais e que emprega, como sala de exposicións ou de teatro, un piso antigo da cidade olívica. A deputada Ana Isabel Vázquez destacou “o esforzo que están a realizar para manter unha actividade cultural sen axuda de ningunha institución pública”.

Premio Diosiño

O premio César Dios Diosiño, dotado igual que os anteriores con 6.000 euros e concedido tamén ex aequo, recaeu na Asociación Cultural Danza de Arcos “por conservar unha danza ancestral bailada por homes e que conseguiu levar ás xeracións máis novas”, segundo destacou a deputada Ana Isabel Vázquez. Aínda que a orixe desta danza non está moi estudada, algúns autores a sitúan nos séculos XV ou XVI. Trátase “dunha peza única que responde a unha tradición propia de Cobas, no concello de Meaño”.

Dentro desta categoría a Deputación de Pontevedra tamén premiou o músico e compositor Rogelio Groba polo seu labor musical, con máis de 500 obras catalogadas para a banda sinfónica, de cámara, coral ou piano. Autor de varios libros e ensaios recibiu diferentes recoñecementos pola súa creación musical coma o Premio Xunta de Galicia da Cultura, o Premio da Galega ou a Medalla Castelao, entre outros.

Protección do patrimonio

Finalmente os concellos de Valga e de Vila de Cruces reciben o premio, ex aequo á protección e recuperación do patrimonio público polo seu labor de recuperación e a posta en valor de diversos espazos naturais.

A Deputación pon de manifesto o traballo realizado polo Concello de Valga na recuperación do patrimonio histórico-cultural (Museo da Historia, Camiño Portugués, Ruta Marítimo Fluvial e Vía Romana XIX), etnográfico (Festa da Anguía, Mostra da Caña do País e o belén artesanal) e natural (Ecomuseo, fervenzas de Parafita, monte Beiro e praia fluvial de Vilarello) da localidade. Destaca tamén o labor do Concello de Vila de Cruces na recuperación do conxunto do poboado e do museo mineiro de Fontao, no sur da localidade na que residían os mineiros que explotaban a mina de volframio.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.