As obras suporán a nova construción de 120 metros cadrados nos cales instalaranse os talleres deste módulo de Formación Profesional, ampliándose tamén o seu acondicionamento acústico.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o IES Johan Carballeira de Bueu onde a Consellería de Educación executará a ampliación dos talleres do módulo de FP de Fabricación Mecánica durante este verano cun orzamento de 250.000 euros.
O delegado estivo acompañado nesta visita polo alcalde da localidade, Félix Juncal, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, e pola portavoz do PP deste concello, Berta Pérez. Cores Tourís aproveitou a visita para felicitar ao IES Johan Carballeira pola celebración dos seus 25 anos de existencia.
Este proxecto, segundo apuntou Cores Tourís, “englóbase dentro do Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2020 anunciado recentemente polo conselleiro de Cultura e Educación, como parte dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade co que o Goberno central recompensa á nosa comunidade autónoma por ter cumprido o obxectivo de déficit”.
As obras previstas para este instituto de Bueu, como as que se levarán a cabo este verano noutros centros de Pontevedra, responden a unha priorización en función de 4 criterios técnicos, nomeadamente os de seguridade, utilidade, accesibilidade e habitabilidade; sendo todas elas obras determinadas a partir das avaliacións realizadas polas unidade técnicas da Consellería. “A nosa provincia verase beneficiada con un total de 14,1 millóns de euros, executándose obras de mellora e ampliación en 134 colexios e institutos”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “no caso de Pontevedra, as necesidades orixinan actuacións máis integrais e de maior envergadura que noutras zonas de Galicia, polo que esta provincia concentrará o 35,5% dos recursos económicos”.
O alcalde da localidade agradeceu a colaboración da Xunta para a execución destes traballos que permitirán consolidar unha oferta formativa neste instituto. Félix Juncal aproveitou a visita do delegado territorial para demandar a instalación dunha pasarela por riba do regato que enlaza o centro educativo con unha parcela municipal que podería servir como lugar de ocio. Cores Tourís destacou que trasladará esta demanda á Consellería de Medio Ambiente para que analice a viabilidade da mesma.
A Consellería de Educación leva investidos nos diversos centros educativos de Bueu case dous millóns de euros nos últimos anos, co obxectivo de mellorar e ampliar as instalacións, “o que ven a demostrar o apoio da administración autonómica con este municipio nunha época complicada como foi o da crise”.




