As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se van financiar unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo esta semana unha xuntanza de traballo co alcalde de Redondela, Javier Bas, na que acordaron asinar o convenio de adhesión deste municipio ao Programa de Vivendas Baleiras o antes posible.
A responsable de Vivenda salientou a necesidade de que os concellos colaboren coa Xunta e se adhiran a este programa para loitar de xeito eficaz contra os desafiuzamentos. Os municipios interesados só teñen que dirixirse ao Executivo autonómico para solicitar a súa adhesión e mobilizar vivendas baleiras para destinalas a alugueiros sociais.
As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se van financiar unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda que inclúe asistencia e defensa xurídica coa fin de tranquilizar e ofrecer maior seguridade os arrendatarios.
Melloras na Avenida de Vigo
Por outra parte, a conselleira tamén lle trasladou ao alcalde de Redondela que o seu departamento xa habilitou o crédito necesario para executar as obras de mellora da Avenida de Vigo, que nunha primeira fase contarán cun orzamento de 2,3 millóns de euros.
Esta travesía atópase na estrada PO-323, entre os puntos quilométricos 0+840 e 1+840, e será obxecto de actuacións de reurbanización que contemplan a renovación das beirarrúas e dos servizos urbanos. Este tramo está ubicado no entorno do Mercado municipal e da alameda, zona na que se atopa unha intersección que tamén será mellorada para incrementar a seguridade viaria.




