spot_img
InicioAlto MinhoDúas potencias musicais, un mercado e infinitas oportunidades

Dúas potencias musicais, un mercado e infinitas oportunidades

Dúas potencias musicais, un mercado e infinitas oportunidadesO III Encontro Profesional Músicas no Minho confírmase como unha cita de referencia para o sector e unha importante ferramenta para a circulación de artistas entre Galicia e Portugal

Revista COUSAS DE nº14

Tres días, vinte showcases, seis faladoiros, máis de 150 speedmeetings, un festival con bandas transfronteirizas, e máis de 200 profesionais, consolidan ao MUMI como marca cultural da Eurocidade tui-Valença, e como unha feira que ademais de abrir mercado con Portugal funciona tamén como punto de encontro para a industria musical galega.

A Eurocidade Tui-Valença congregou a boa parte das empresas e profesionais da música de Galicia e Portugal durante os tres días nos que se desenvolveu o MUMI 2022. Do 29 de setembro ao 1 de outubro, o Encontro Profesional das Músicas no Minho reuniu a máis de 200 profesionais que participaron en mesas redondas e reunións nas que se abordaron as posibilidades de colaboración e os desafíos do sector. A organización do MUMI 2022 fai balance desta terceira feira profesional luso-galaica que “está a conseguir ampliar as fronteiras para as nosas músicas e aumentar exponencialmente o mercado potencial de artistas e industria”. E aínda engaden que “para o sector galego, este encontro cumpre unha dobre función poque ademais de crear un espazo de intercambio entre o sector musical de ambas beiras do Miño, é tamén a única feira de música coa que contamos en Galiza, por tanto estase posicionando como a cita de referencia para presentar novos proxectos musicais a axentes e programadores galegos”.

Tres días, vinte showcases, seis faladoiros, máis de 150 speedmeetings na Zona PRO AGADIC, un festival de bandas transfronteirizas, máis de 200 profesionais e localizacións a ambas beiras do Miño, borrando fronteiras e conseguindo facer realidade os obxectivos de confluencia cultural da Eurocidade Tui-Valença, que se converte nun territorio vital e ideal para o MUMI. As persoas inscritas participaron activamente nos speedmeetings que se desenvolveron na área profesional, encontros tan rápidos como intensos que poñen en contacto a artistas, profesionais da programación e a xestión de diferentes puntos xeográficos ou a empresas con novos talentos.

Dúas potencias musicais, un mercado e infinitas oportunidades Este tipo de encontros conforman a identidade do MUMI 2022 cuxo obxectivo principal é establecer un novo escenario para este tipo de interrelacións e intercambios. Os profesionais inscritos tiveron a oportunidade de asistir a mesas redondas que recolleron as inquedanzas do sector, moitas delas agravadas trala etapa pandémica. O estatuto profesional dos artistas, os riscos laborais nos eventos, o financiamento de proxectos, as relacións coas administracións, o papel dos medios na comunicación de proxectos musicais e as dificultades que teñen que enfrentar os proxectos transfronteirizos, foron os temas das palestras que tiveron lugar durante o encontro. Entre as bandas que protagonizaron os showcases dirixidos exclusivamente a profesionais estiveron os portugueses Manuel Maio e Meta; e os galegos Momboi, Caamaño & Ameixeiras, Xan Campos Trio e Mounqup.

Ademais de toda a programación dirixida ao público profesional, a organización do MUMI 2022 tivo claro desde un primeiro momento a necesaria proxección pública do evento coa inclusión de actividades e concertos para a cidadanía. Brais Morán & Nasaufunk, Caldo, Néboa, Golfiños, Raia, 47 de Fevereiro, Crua, Bird are Indie, Dapunksportif, Space Ensemble, foron as bandas que tocaron para o público xeral en espazos como o Teatro Municipal, o Paseo da Corredoira de Tui e o jardín Municipal de Valença.

O MUMI amplifica as nosas músicas desde a nosa identidade
Ademais o concerto de apertura deste MUMI 2022 puxo o foco no patrimonio musical de ambas beiras con dúas propostas que experimentan a partir da raíz. O proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria e o artista portugués Omiri, subiron ao palco do Jardim Mnucipal de Valença na primeira xornada do encontro e conseguiron emocionar cun repertorio tradicional revisado desde unha óptica contemporánea que sen dúbida contribúe a manter vivas as nosas músicas de raíz. Nese showcase de apertura Xosé Lois Romero & Aliboria presentaron as novas cancións publicadas neste 2022 con máis dunha ducia de músicos e músicas, armados só coa súa voz e a percusión tradicional galega; percusións clásicas de pandeiros, pandeiretas ou bombos, e percusións populares que se usaban na Galiza a principios do século XX: latas de pementón, chaves, tixolas, ou ferramentas para traballar a terra. Pola súa parte, o portugués Omiri sorprendeu cunha mestura de músicas e paisaxes sonoras de todo Portugal nun mesmo espectáculo, empregando vídeos con gravacións de campo manipuladas para servir de base musical á composición e improvisación de Vasco Ribeiro Casais, e ás coreografías de dous danzarin@s que mesturaron hip-hop, danza contemporánea e tradición.

Abrir oportunidades tamén para as bandas emerxentes do territorio
O MUMI 2022 pechou esta 3ª edición co Festival Rio Minho Transfronteiriço (AECT Río Miño), onde actuaron 4 bandas da zona transfronteiriza, dúas de Galicia e outras 2 de Portugal, escollidas entre as que se candidataron para actuar no MUMI pero que non foron seleccionadas para os showcases oficiais: Helen&Shana, Jasper, Rockin´Gina and The Sentinels, e Rackam. Con esta iniciativa, o MUMI pretende xerar un retorno na comunidade onde se celebra o encontro e achegar un valor engadido ás iniciativas locais en materia de música. O Festival Rio Minho Transfronteiriço foi unha das novidades desta edición e foi posible grazas ao apoio da AECT Río Miño (Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño), un instrumento de cooperación que agrupa a 16 municipios galegos e 10 portugueses, e que desenvolve programas, proxectos e accións comúns para a cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do Río Miño.

Crear oportunidades para a industria musical, @s artistas e o territorio
A organización do MUMI, un proxecto que viñan madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, expresou de maneira especial o seu agradecemento aos concellos da Eurocidade, Tui e Valença, pola aposta que fixeron desde o primeiro momento. Ambos concellos amosáronse sempre convencidos de que a Eurocidade Tui-Valença, un dos poucos espazos transfronteirizos en Europa de carácter urbano, pola súa necesidade de horizontes comúns, era o territorio acaído para un proxecto como o MUMI. Ambas institucións entenden que as implicacións sociais e económicas da actividade cultural e, máis concretamente, da música, están xerando benestar e progreso no territorio, e que o MUMI pode ser a mellor marca cultural da Eurocidade. Desde a organización do MUMI 2022, o balance da edición resúmese na capacidade que está demostrando o encontro para “crear oportunidades par as nosas industrias musicais, para os nosos artistas e os nosos territorios”, e a confirmación de que a feira se está a converter unha cita de referencia e unha ferramenta importante para a circulación de músicas entre Galiza e Portugal.

O MUMI está patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença, a Direção Regional de Cultura do Norte, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a AECT Rio Minho, a Fundação GDA e Bodegas Martín Códax.

- Publicidade -spot_img