·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaDoce establecementos de venta de pan de Redondela súmanse a campaña “Nós...

Doce establecementos de venta de pan de Redondela súmanse a campaña “Nós Galego 365”

Doce establecementos de venta de pan de Redondela súmanse a campaña “Nós Galego 365”O Concello de Redondela co apoio da Asociación de Empresarios, presenta “Nós Galego 365”, unha campaña que nace dende o servizo de Normalización Lingüística co obxectivo de promover o uso do idioma galego durante os 365 días do ano

A praza de José Figueroa foi escenario na mañá de onte da presentación da campaña ‘Nós galego 365’, unha iniciativa promovida pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Redondela en colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela, que busca a potenciación da lingua galega no ámbito comercial, neste caso, no sector das panadarías.

A iniciativa que foi presentada onte, contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, a xerente da Asociación de Empresarios e representantes das panadarías participantes

A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Comercio, María Castro; a xerente da Asociación de Empresarios de Redondela, Julia Alonso e representantes das panadarías, deron a coñecer o contido dunha campaña que se axusta perfectamente ao lema da mesma xa que, tal e como sinalaba a xerente da Asociación de Empresarios, “o pan consúmese todos os días do ano e pretendemos que pase o mesmo co galego como idioma noso que é”.

Para iso, durante as vindeiras semanas, as panadarías entregarán o pan á súa clientela utilizando os 25.000 sobres para pan e 2.500 bolsas –ámbalas dúas de papel– rotuladas co lema Nós galego 365 e coa faciana de Xela Arias, a quen este ano dedicábase o Día das Letras Galegas. “Queremos que o Día das Letras non quede cinguido a unha soa xornada, senón que sexa unha acción continuada ao longo de todo o ano con iniciativas como esta”. Afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

Rivas agradeceu “a extraordinaria disposición da Asociación de Empresarios de Redondela a todas cantas iniciativas que presenta o Concello e que, como sempre, non dubidou nin por un instante en colaborar para que sexa todo un éxito”.

A rexedora local lembrou que “Redondela foi o primeiro concello galego en promover a normalización lingüística e queremos seguir sendo un referente en Galicia no uso da lingua galega e nas medidas para a súa difusión”.

Doce establecementos de venta de pan de Redondela súmanse a campaña “Nós Galego 365”

Etiquetado de garantía

Amais da vinculación co galego e co pan, a campaña Nos galego 365 “ten un significado adicional de garantía de calidade” afirmou a xerente da Asociación de Empresarios xa que “os produtos de orixe galego e etiquetados en galego xeran unha diferenciación e non deixan dúbida algunha en canto a súa orixe e calidade”.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade