É o segundo Premio Nacional de Vela que recibe o equipo tras ser distinguidos o ano pasado co galardón ao mellor proxecto olímpico e ambos estarán en Baiona para recollelo
Eran a gran baza de España nos Xogos Olímpicos de París 2024 e non fallaron. Diego Botín e Florian Trittel dérono todo ata o final e lograron en augas de Marsella un trabajadísimo ouro en 49er que agora lles converte en merecidos gañadores do Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor equipo olímpico da tempada.
“Foi un ano espectacular para nós”, afirma Diego. “Conseguimos o máximo nas dúas competicións nas que puxemos todo o que temos durante os dous últimos anos e ser distinguidos agora con este galardón é unha honra”.
As súas carreiras uníronse no outono de 2021, tras unha competición olímpica en Tokio na que ambos representaron a España por separado: Diego en 49er co galego Iago López e Florian en Nacra 17 xunto coa canaria Tara Pacheco. Os dous lograron o diploma olímpico nesa ocasión e tiñan claro que o seu obxectivo sería poñer toda a carne no asador para chegar a París con opcións claras de medalla.
Non tardaron en demostrar o seu potencial, e é que só uns meses máis tarde xa se proclamaron campións de Europa da clase e lograron estar no podio nos tres Mundiais que se disputaron antes da cita olímpica deste verán.
Os seus resultados durante os tres anos de campaña xa os situaba como un dos equipos favoritos ao ouro olímpico, e a bordo do seu “Samantha” -así chaman ao seu 49er polo seu significado de calma mental no Budismo- plantáronse na Medal Race de Marsella situados na primeira posición da xeral sabendo que un terceiro lles valía para sentenciar o título.
Pero non se conformaron. Diego e Flo demostraron unha vez máis a súa valía e selaron unha nova e contundente vitoria parcial coa que lograban a primeira medalla de ouro para España en París 2024.
Como non podía ser doutra maneira o Premio Nacional de Vela ao mellor equipo olímpico leva este ano o seu nome escrito, e xa é o segundo galardón consecutivo que se adxudican, tras recibir en 2023 o premio ao mellor proxecto olímpico.
“O ano pasado gañamos por primeira vez este galardón, e que nese momento recoñecese o noso proxecto como mellor proxecto olímpico e agora converteuse nun proxecto de medalla de ouro creo que é algo que fala moi ben destes galardóns”, afirma Flo.
A gala celebrarase o próximo 7 de setembro no Monte Real Club de Yates, dentro da programación da trixésimo novena edición do Trofeo Príncipe de Asturias, e os dous estarán presentes xunto co resto de premiados para recibir o seu segundo Premio Nacional de Vela Terras Gauda.