A mostra percorre 875 anos -desde o s. XII ata o s. XXI-, exhibe en primicia bens de gran valor histórico e desvela episodios descoñecidos do Mosteiro
A exposición “Un Mosteiro, un mar de historia(s)” ofrecerá en primicia en Vigo unha experiencia única e dirixida a todos os públicos que explora a grandeza do Mosterio cisterciense de Santa María de Oia (Pontevedra), singular pola súa riqueza patrimonial e polo seu emprazamento, xa que é o único mosteiro do Císter situado na costa atlántica.
Unha iniciativa promovida pola Fundación Bretal e O Mosteiro de Oia, coa participación de Rodríguez + Pintos Arquitectos e en colaboración coa Xunta de Galicia, Afundación, a Obra Social ABANCA, terá lugar do 11 de setembro ao 5 de outubro na sede viguesa de Afundación, onde se mostrará de forma innovadora a historia deste monumento, promovendo o seu valor histórico-artístico. O título “Un Mosteiro, un mar de historia(s)”, reflicte a diversidade de relatos asociados ao mosteiro e a profundidade da súa herdanza histórica. A exposición presenta o Real Mosteiro de Oia —Ben de Interese Cultural desde 1931— como punto focal de acontecementos desde o medievo ata a época contemporánea, destacando a súa relevancia arquitectónica e relación co territorio. O seu legado cobra vida nesta proposta impulsada por MARE —propietario do Mosteiro desde 2004— a través da Fundación Bretal, apostando por unha xestión baseada na conservación, a divulgación do patrimonio, e a posta en valor do territorio e a cultura. O presente proxecto xorde no marco da celebración dos vinte anos desde a adquisición e inicio dos traballos de investigación e documentación sobre a historia do mosteiro; a exposición “Un Mosteiro, un mar de historia(s)” divulga os datos de valor recompilados, que forman parte dunha historia de Galicia descoñecida ata a data.
“Documentos e bens históricos en primicia” Entre os bens que se expoñerán en primicia, destaca o Tombo de 1739, un cartulario orixinal que repasa os principais fitos da historia do Mosteiro, o cal se dixitalizou e ofrécese para consulta libre con motivo desta mostra. Por primeira vez tamén, o escudo de armas do mosteiro —S. XVII, en madeira policromada— sae do seu depósito no Museo de Pontevedra para ser exposto, como o fará o manuscrito orixinal do S. XVII pertencente a un arquivo particular, onde o Abad do Mosteiro dá referencias sobre o capitán da compañía de soldados que o habitaba, un testemuño que se relaciona coa historia dos monxes artilleiros que habitaron o convento. Destacan ademais edicións facsímiles do Arquivo Nacional, e a selección de grafitos orixinais realizados polos presos republicanos durante a Guerra Civil (1937-1939), época na que o Mosteiro converteuse en campo de concentración.
Dirixida a públicos diversos, a exposición “Un Mosteiro, un mar de historia (s)” profunda con rigor científico na historia posibilitando un achegamento intelectual, potencia unha experiencia sensitiva (a través, por exemplo, de estacións olfativas) e estimula ao visitante desde un novo carácter interactivo (vídeo proxeccións 3D recrean a cotidianeidade da vida monacal).
A exposición, que permite coñecer o pasado, presente e futuro do Mosteiro, organízase ao redor de tres eixos temático-temporais: En primeiro lugar, atende os séculos de actividade monacal, un período comprendido entre os ss. XII e XIX. A continuación explórase a época posmonacal (séculos XIX e XX), nunca antes divulgada entre o público, desde a invasión de Napoleón á desamortización de Mendizábal, feito que propiciou o seu uso como vivienda para a florecente burguesía galega. Así mesmo, explórase o escuro período da Guerra Civil, no que foi cárcere franquista, e do que se conservaron os grafitis dos presos republicanos (no espazo expositivo deseñado para o Mosteiro polo estudo Rodríguez + Pintos Arquitectos e galardonado cun premio Gran de Área en 2021), algúns deles se podrán ver en Vigo.
Para finalizar, o epígrafe “Renacer” expón o futuro proxecto do Mosteiro como un hotel de categoría superior e alto compoñente cultural. A rehabilitación, a cargo de Rodríguez + Pintos Arquitectos dará continuidade ás grandes intervencións do século XII, XV e XVIII. En palabras da historiadora Sarah Barbará, directora e comisaria da exposición, “Será un exemplo de como actuar con respecto para conservar un BIC que estivo a piques de colapsar, ademais dunha intervención sostible sobre o patrimonio e paisaxe costeiro, e de como o Mosteiro poderá asegurar o seu futuro en por si grazas ao novo proxecto”. Adicionalmente, a exposición incluirá espazos de cocreación que apelan á cidadanía buscando unha comunicación bidireccional. De entrada gratuíta e deseñada para o goce de todos os públicos, esta exposición comparte 875 anos de historia e revela un futuro por descubrir.
Programa de actividades
Un programa de actividades paralelas completa e amplía os contidos tratados na exposición:
17/09 19.30h. CONVERSACIÓN
O Mosteiro como inspiración
Iria Morgade, escritora; Carla Andrade, artista visual; Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego e Julio Gómez, co-director de Sinsalaudio, compartirán diferentes experiencias creativas nas que o Mosteiro de Oia tivo un papel determinante. Moderado por Xoán Martínez, director do Real Mosteiro de Oia.
Sala de conferencias. Sede Afundación Vigo. Policarpo Sanz, 26. Entrada libre ata completar aforo.
18/09 19.30h. PRESENTACIÓN OFICIAL
Proxecto de Restauración, Rehabilitación e Ampliación do Real Mosteiro de Oia
Con Santiago Pintos, Rodríguez + Pintos Arquitectos; Sarah Barbará, responsable da dinamización cultural do Real Mosteiro de Oia e Xoán Martínez, director do Real Mosteiro de Oia. Moderado por Lara Graña, redactora xefa do Faro de Vigo. Tres séculos despois do seu último desenvolvemento arquitectónico chega o momento de vivir o nacemento dunha nova etapa para o Mosteiro tras 20 anos de traballo da actual propiedade. Un momento histórico e un proxecto hostaleiro único, que ten como eixo a sustentabilidade económica, social e ambiental. Auditorio. Sede Afundación Vigo. Policarpo Sanz, 26. Entrada con inscripción previa ata completar aforo en info@mosteirodeoia.com
26/09 19.30h. RELATORIO
Historia dun mosteiro singular: Santa María a Real de Oia
Un relatorio de natureza histórico-artística no que Carmen Manso Porto, doutora en Historia da arte, analizasé o desenvolvemento do conxunto monacal ao longo dos séculos, con especial atención a espazos como o claustro renacentista e outras dependencias edificadas no Patio das Laranxeiras no s. XVIII, destacando a singularidade do mosteiro cisterciense de Santa María a Real de Oia.
Sala de conferencias. Sede Afundación Vigo. Policarpo Sanz, 26. Entrada libre ata completar aforo.
19.30h. ACTO
VI Recoñecemento Real Mosteiro de Oia: Juan Martínez Domínguez
Este recoñecemento, o ano no que se celebra o 20 aniversario da adquisición do monumento, será entregado a Juan Martínez Domínguez (fundador de Vasco Galega, hoxe MARE) quen iniciou o reto de recuperar o Mosteiro como patrimonio de todos. Destácase o seu labor, dedicación e contribución significativa ao único mosteiro do Císter ás beiras do océano Atlántico.
Sala de conferencias. Sede Afundación Vigo. Policarpo Sanz, 26. Entrada libre ata completar aforo.