Inicio Pontevedra Día Internacional do Patrimonio Audiovisual no Museo de Pontevedra

Día Internacional do Patrimonio Audiovisual no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra súmase á celebración do 27 de outubro como Día Internacional do Patrimonio Audiovisual con dúas xornadas, que comezarán no Sexto Edifico ás oito do serán

Cando a radio era o principal son da nosa vida

Día Internacional do Patrimonio Audiovisual no Museo de PontevedraO luns 27 terá lugar unha charla baixo o título “Cando a radio era o principal son da nosa vida”, a cargo do recoñecido xornalista Xosé María García Palmeiro.

Desde a primeira hora, e van aló 80 anos, a radio formou parte da vida e do imaxinario das xentes, e dun xeito especial, nas súas catro primeiras décadas cando a televisión era só un proxecto. Era a radio dos seriais, dos discos dedicados, das radionovelas, a radio que é xa memoria e patrimonio.

Xosé Mª García Palmeiro (Barreiros – Lugo, 1948) é Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e xornalista. Desde 1973 traballou en prensa (La Voz de Galicia, Teima, El País, Faro de Vigo), radio (Radio Popular de Vigo e Onda Cero) e televisión (Televisión Española en Galicia e Televisión de Galicia). Foi o primeiro decano electo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e interveu como conferenciante en congresos, cursos e xornadas. Nos últimos anos da súa actividade profesional foi director de comunicación do Consello da Cultura Galega.

Presentación do proxecto Miss Ledyia de Caspervek

O martes 28 presentarase o proxecto Miss Ledyia de Caspervek Trío, no que este grupo poñerá música en directo á proxección do filme Miss Ledyia, a primeira película de ficción producida en Galicia, dirixida no ano 1916 polo cineasta e pioneiro Xosé Gil.

Caspervek Trío é un proxecto froito da unión de tres culturas que nace en Vigo no ano 2013 e que ten como un dos seus obxectivos principais transmitir emocións e sensacións a través da percepción audiovisual.

Os seus compoñentes, Brais González (piano e guitarra), Eduards Vecbaštiks (violín) e Blas Castañer (percusión), teñen o propósito de musicar en directo películas clásicas do cine mudo. Compoñen novas bandas sonoras para elas e continúan explorando as relacións entre música e imaxe e os efectos de ámbalas dúas no público. O trío constrúe así un espectáculo en vivo que nos remonta ás orixes da representación artística, cando a inmediatez e a empatía eran a pedra angular da creación escénica. A única copia orixinal de Miss Ledyia é propiedade do Museo de Pontevedra é atopase na actualidade no Centro Galego das Artes da Imaxe que a restaurou. Con esta película Xosé Gil puxo a primeira pedra cara a creación dunha industria cinematográfica galega.

O filme é un thriller de salón ambientado no balneario da Toxa e os arredores de Pontevedra e un documento patrimonial de primeira orde ó que Caspervek Trío pon música.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies