·Publicidade ·
mobipark
mobipark
InicioBaixo MiñoDezaseis proxectos para continuar dando pulo ao noso rural

Dezaseis proxectos para continuar dando pulo ao noso rural

Dezaseis proxectos para continuar dando pulo ao noso rural
Centro de día Adiante Mos

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural continúa traballando na transformación do rural, apostando pola posta en marcha de iniciativas xeradoras de actividade económica e emprego nos 13 concellos do territorio. Neste sentido, nos últimos dous anos puxéronse en marcha un total de 16 proxectos co-financiados con fondos Leader a través do GDR 14 nas convocatorias 2019-2020 e 2020-2021, iniciativas que suporán un investimento total de máis de 2 millóns de euros para a mellora e modernización de instalacións, a dixitalización, a recuperación do territorio e o inicio de novas actividades económicas en 8 dos seus municipios de actuación. O investimento público a estas iniciativas supón ao redor do 38% do investimento total.  Con estes proxectos, dez de eles xa rematados e outros seis en fase de execución, xeraranse 30 novos postos de traballo e se consolidarán 39 postos de traballo xa existentes.

Entre as iniciativas postas en marcha na actual convocatoria, cun investimento total de máis de 921.000 euros, atópanse tres proxectos produtivos  en Tomiño e Tui. Así, está en execución a ampliación da maquinaria nunha clínica veterinaria tomiñesa tras o traslado a un local maior e a implementación de novos servizos e tratamentos pioneiros no Baixo Miño e que ata o de agora non ofertaba por falta de espazo. Ampliarase a zona de hospitalización e internamento dos animais e porase en marcha un servizo de diagnose por imaxe outro de oftalmoloxía.

Pola súa banda, en Tui levarase a cabo a rehabilitación dun edificio singular situado na zona da explosión de Paramos para a posta en marcha do Centro da Torre, unha residencia para persoas maiores que ofertará tanto servizo completo de aloxamento, coidado e actividades aos usuarios e usuarias como o acceso a coidados específicos e atención nun servizo de centro de día. Esta iniciativa busca modificar a óptica xeral na prestación de servizos de atención a persoas da terceira idade. Neste mesmo concello tamén se traballa na posta en marcha dun centro de rehabilitación neurolóxica innovador e multidisciplinar, que ofrecerá unha rehabilitación coordinada e focal para o tratamento de alteracións do sistema nervioso central e/ou periférico, na infancia e na idade adulta.

Como proxecto non produtivo crearase un centro forestal adaptado TIC para persoas maiores no Rosal. Rehabilitarase unha edificación da CMVMC San Xoán de Tabagón no que ademais da posta en valor do patrimonio rural crearase unha aula adaptada TIC, unha aula de interpretación do monte, un espazo de charlas e conferencias relacionadas co medio natural, zona de exposicións de carácter etnográfico e de actividade cultural e oficinas administrativas. A súa ubicación, xunto a un parque biosaudable, completarán a oferta de usos múltiples da contorna adaptado ás persoas maiores e con mobilidade reducida.

Nesta convocatoria tamén se porán en marcha dous proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas. Por unha banda desenvolverase BAIONADIXITAL, dous espazos formativos en NTICS para a veciñanza situado no centro multiusos Ángel Bedriñana para fomentar a dixitalización e, por outra, poranse en marcha unha serie de iniciativas para construír un Concello de Tui 2.0 coa administración electrónica como peza clave, creando unha oficina virtual que sexa o punto neurálxico das relacións da veciñanza coa corporación municipal.

Dez proxectos que finalizaron a súa execución durante o pasado ano 2020

A anterior convocatoria dos fondos Leader permitiu co-financiar dez novas iniciativas cun investimento total de case 1,2 millóns de euros cos que seguir a transformar o rural, oito para proxectos produtivos, un para non produtivos e outro para non produtivos promovidos por entidades públicas.

Entre os produtivos e xa executados levouse a cabo a modernización do obradoiro e dun muíño para moer a súa propia fariña na panadería Argibay (O Porriño), procedeuse ao acondicionamento e creación de instalacións para a posta en marcha dunha escola de tenis na parroquia mosense de Sanguiñeda, creouse unha escola infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en Mos, púxose en marcha o centro de día ‘Adiante Mos’ e botaron a andar uns apartamentos turísticos en Figueiró con 16 novas prazas de aloxamento rural e unha oferta de actividades na contorna diferente, como rutas en bicicleta ou xornadas gastronómicas.

Dezaseis proxectos para continuar dando pulo ao noso rural
Apartamentos turísticos

Neste mesmo apartado tamén se levou a cabo a transformación e comercialización de produtos cárnicos da nosa terra dun promotor vinculado coa explotación gandeira de razas autóctonas de vacún, porcino, caprino e avícola. Co proxecto acondicionouse un local con sala de elaboracións no Mercado de Goián, en Tomiño, e adquiriuse a maquinaria e o equipamento necesarios. Por outro lado, adquiriuse o mobiliario e equipamento informático para oficinas, laboratorio e cociña de Pazo de Valdomiño, un referente no Baixo Miño e na contorna dentro do sector da destilería e da elaboración de licores tradicionais galegos. Na fase final de execución atópase a creación dun centro de hípica no Galleiro, na antiga casa escola de Nespereira, no concello de Pazos de Borbén.

Xa dentro das iniciativas non produtivas, o GDR 14 colaborou na posta en marcha de ‘As vaquiñas de Pinzás’, un proxecto innovador para a xestión sostible do monte que busca por un lado recuperar a tradición gandeira con vacas de raza vianesa, en perigo de extinción, e, por outro, darlle novos aproveitamentos ao monte que repercutan na conservación da biodiversidade e na prevención de incendios.

Dezaseis proxectos para continuar dando pulo ao noso rural
Obras no Centro de Torroña Oia

Por último, e a iniciativa do Concello de Oia, realizáronse obras de mellora no centro de Torroña para transformar unha antiga escola unitaria nun espazo destinado á realización de cursos e actividades para a poboación do concello para o envellecemento activo da poboación.

Todos estes proxectos están co-financiados con fondos da Medida Leader Galicia 2014 – 2020 para a posta en marcha de estratexias de desenvolvemento local participativo dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR 2014-2020) para as anualidades 2019 – 2020  e 2020 – 2021, co-financiada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies