Inicio Galicia Deputacións e concellos galegos contribuirán a reconstruír unha vila mozambicana afectada polo...

Deputacións e concellos galegos contribuirán a reconstruír unha vila mozambicana afectada polo ciclón

Deputacións e concellos galegos contribuirán a reconstruír unha vila mozambicana afectada polo ciclónO Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará á emerxencia 10.000 euros, que poden ampliarse con achegas das administracións locais

O Fondo Galego de Cooperación destinará 10.000 euros a paliar a emerxencia xerada en Mozambique tras o paso do devastador ciclón Idai, facendo partícipes deste xeito ás tres deputacións e os 97 concellos que o integran da solidariedade internacional. A contía pode ampliarse coas achegas das administracións locais, socias ou non da entidade, que desexen sumarse á reconstrución da vila de Nhamatanda, unha das máis prexudicadas tanto polo furacán como polo brote de cólera que lle seguiu.

A achega canalizarase a través da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), que identificou como prioridade a dotación de depósitos de auga, produtos para o seu tratamento, útiles de hixiene persoal e limpeza e mais materiais de construción para poder reparar vivendas e infraestruturas, que resultaron gravemente danadas. Cun censo que rolda os 25.000 habitantes, Nhamatanda é o municipio que presenta unha maior taxa de poboación empobrecida dos que resultaron máis afectados polo desastre meteorolóxico, de aí que o Fondo Galego decidise apoiar esta área, á que apenas chegou asistencia.

O Idai está considerado un dos peores ciclóns tropicais dos que se ten constancia en todo o hemisferio sur. A mediados de marzo tocou terra en Mozambique, onde provocou máis de 600 mortes. Unhas 400.000 persoas perderon os seus fogares, alén da destrución de pontes e outras vías de comunicación. Os terreos de cultivo ficaron completamente anegados, deixando a milleiros de familias sen os seus medios de subsistencia. Os servizos de educación e saúde víronse interrompidos e apenas hai acceso á auga potable. Deputacións e concellos galegos contribuirán a reconstruír unha vila mozambicana afectada polo ciclón

A Asemblea Xeral do Fondo Galego, celebrada a finais de marzo, acordou canalizar a axuda de emerxencia a Mozambique a través de parceiros locais cos que xa tiña unha liña de traballo establecida. Preténdese así asegurar o impacto das achegas e reforzar aos municipios do país lusófono, garantindo a transparencia na xestión dos fondos, que se transferirán integramente á ANAMM para mitigar a situación de risco en Nhamatanda. As deputacións e concellos que desexen contribuír a esta causa poden poñerse en contacto coa Secretaría Técnica do Fondo Galego no enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou no teléfono 986 843 436.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.  

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

693FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies