spot_img
InicioVigo e áreaVigoDeputación e UVigo lanzan a IV edición do "transformador" proxecto Inspira Steam

Deputación e UVigo lanzan a IV edición do “transformador” proxecto Inspira Steam

Deputación e UVigo lanzan a IV edición do Transformador proxecto Inspira Steam“A sociedade  no seu conxunto–asegurou a presidenta Carmela Silva- ten que estar moi preocupada polo que está a acontecer coas carreiras STEAM e coas decisións das mozas na elección de carreiras universitarias que van determinar cal vai ser a súa posición no mundo”.

Para reverter esta situación e potenciar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas xurdiu o “transformador” Inspira STEAM, un programa que a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo impulsan dende o 2018, que naceu no 2016 na Universidade de Deusto, e que vén de presentar a súa cuarta edición. A presidenta e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, fixeron tamén balance deste programa acompañadas de mentoras e mentores que debateron sobre a importancia de rachar “con este problema implicándonos todas e todos. É unha responsabilidade social”.

A presidenta da Deputación subliñou que “o futuro do mundo vai estar nas mans da innovación e novas tecnoloxías” e “non alcanzaremos a igualdade se as mulleres non se matriculan nas carreiras STEAM, as que van vertebrar a toma de decisións”. Carmela Silva incidiu en que “se somos o 25% das persoas formadas neste ámbito ese é o lugar que ocuparemos” e amosou a súa “seria preocupación” porque “o mundo soamente será bo cando as mulleres ocupemos a metade de todo”. Por este motivo situou a “Inspira STEAM” como “unha resposta a esta situación, un programa moi interesante, fundamental, que inspira para construír unha sociedade mellor, que nace do coñecemento, que chega aos centros educativos para influenciar nas nenas e nenos, mestras e mestres”. Tamén fixo fincapé na necesidade de reflexionar sobre o que acontece ao longo do percorrido vital das nenas, dende o sistema educativo ata os propios libros de texto, con ausencia de referentes femininas, ou os medios de comunicación, onde as mulleres científicas e técnicas seguen a estar invisibilizadas. “Todo isto ten unha capacidade enorme de influencia na toma de decisións das nenas”, asegurou.

Deputación e UVigo lanzan a IV edición do Transformador proxecto Inspira Steam

A vicerreitora da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini, ao igual que a presidenta amosou a súa preocupación pola situación das mulleres nas carreiras STEAM. “Todas as profesións do futuro van demandar perfís tecnolóxicos, que son carreiras con maior futuro laboral, cunha demanda que non deixa de medrar –aumentado da orde do 14% fronte ao 3% do resto dos ámbitos- e, sen embargo, o número de mulleres que optan por elas decrece cada ano”. Caparrini asegurou que soamente o 25% das persoas que escollen estudos técnicos son mulleres “e se temos en conta enxeñerías, hai algunhas nas que a porcentaxe é moito menor, como Enxeñería Informática na que non se alcanza nin o 13%”. A vicerreitora, que subliñou que o rendemento académico das mulleres é mellor en 8 de cada 10 títulos, destacou que os motivos desta situación están relacionados coa ausencia de referentes que inspiren ás mozas, cos estereotipos de xénero ou coa súa propia percepción, ao sentir que non teñen cualificación suficiente ou non van ser capaces. “Hai que loitar contra estas cuestións”, destacou e por “iso xorde Inspira STEAM”.

O “corazón” do programa son as mentoras, “mulleres que teñen grandes experiencias vitais, coñecementos e están comprometidas con cambiar as cousas e o fan de xeito totalmente voluntario” asegurou a presidenta. Mentoras como Arantxa Sucasas, enxeñeira de Telecomunicacións, Ana Otero, Enxeñeira Industrial e Fernando Jiménez, enxeñeiro de Telecomunicacións, que durante o acto fixeron fincapé na “responsabilidade social” do programa e reivindicaron a súa importancia para paliar “un síntoma dunha sociedade na que o machismo está instaurado e contra o que todas e todos temos que loitar”.  De feito, nas seis sesións que imparten as mentoras/es nos centros educativos afóndase nas STEAM e a súa utilidade pero tamén nos estereotipos de xénero, nos estereotipos nas profesións e nas mulleres referentes STEAM do pasado e do presente.

A IV edición de “Inspira STEAM”, que vén de arrancar, ten como principal novidade con respecto ás tres anteriores edicións o lanzamento de vídeos de entre catro e cinco minutos titulados “Queres ser unha muller STEAM?”. A través destes vídeos mulleres profesionais do ámbito da ciencia e da tecnoloxía comparten as súas traxectorias e experiencias. O primeiro, que vén de ser presentado esta mañá, céntrase no grao de Enxeñería de Minas. Amais do vídeo, durante a xornada deuse a coñecer que o 14 de xuño ábrese o prazo para poder inscribirse como mentora, centro ou empresa no programa “Inspira STEAM” e que xa en setembro comezarán as formacións. Tamén se fixeron entrega de diplomas ás mentoras/es e centros educativos participantes na terceira edición da iniciativa.

- Publicidade -spot_img