spot_img
InicioO Salnés"Depo Aventura A Lanzada" escolle a Pepa, Kamucha e Maruxa como as...

“Depo Aventura A Lanzada” escolle a Pepa, Kamucha e Maruxa como as súas novas mascotas oficiais

depo-aventura-a-lanzada-escolle-a-pepa-kamucha-e-maruxa-como-as-suas-novas-mascotas-oficiais

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, asistiu esta mañá á elección da nova mascota oficial dos campamentos de verán Depo Aventura A Lanzada”, no Anfiteatro do Centro Vacacional A Lanzada. Digna Rivas foi unha das persoas integrantes do xurado que deliberou que a mascota escollida fosen “Pepa, Karmucha e Maruxa”, que foron elaboradas polas e nenos da quenda número 4. As outras dúas finalistas foron “Ramiro Terodáptico” e “Moucha Maruxa”, elaboradas polas quendas 3 e 9.

Digna Rivas sinalou na lectura da acta do xurado que a elección de Pepa, Karmucha e Maruxa se debeu “ao xenial uso da cor que fixeron estes rapaces e rapazas, conseguindo que estes paus cobrasen vida, ademais de pola sonoridade dos nomes escollidos para estas gardiás”.

As 11 mascotas que optaron ao premio foron elaboradas polos nenos e nenas que asistiron ás 11 quendas dos campamentos, unha por cada grupo, a partir de “materiais de refugallo, elementos da natureza, obxectos reciclados”, sinalou a Deputada, durante os obradoiros “Art Natura”. Nas súas mascotas, os rapaces e rapazas puxeron en valor o traballo en equipo e a súa creatividade a partir de materiais de reciclaxe, elementos da natureza e obxectos reciclados.

O material para elaborar as mascotas tiña que ser recollido, ao longo dos días de campamento, na praia, nas saídas ao monte da Siradella, nos momentos do xantar e da cea, nas batidas de limpeza ou en calquera outra circunstancia. Segundo a temática elixida este ano, “O bosque dos soños”, a mascota tiña que ser unha mestura de especies animais do mundo dos soños e das lendas coa realidade, como sapos, mouchos ou curuxas. “Ademais, había que dotar de vida as mascotas, dándolles formas, cores, verticalidade…”, engadiu Rivas, que asegurou que “aínda que non llelo puxeron nada doado, as nosas cativas e cativos amosaron que son capaces de facer moitas máis cousas das que cremos”.

depo-aventura-a-lanzada-escolle-a-pepa-kamucha-e-maruxa-como-as-suas-novas-mascotas-oficiais

Digna Rivas felicitou o resultado de “Depo Aventura A Lanzada”, que “tivo 2.200 prazas e deixou en lista de espera a outras 1.445 nenas e nenos da provincia”. Ademais, 193 desas prazas se corresponderon ás subvencionadas pola Fundación La Caixa para menores procedentes de familias con menos recursos económicos e participaron outros e outras 31 con algún tipo de discapacidade, catro dos cales precisaron de monitores específicos/as de atención personalizada.

Lembramos que este programa estivo destinado ás nenas e nenos nacidas entre os anos 2003 e 2008 con domicilio habitual en calquera concello da provincia. Distribuído entre 11 quendas,  desenvolveu actividades relacionadas coa natureza, artes, teatro, baile, contacontos ou deportes, entre outras, ofrecendo a posibilidade de que a mocidade participase en actividades que contribuísen ao seu enriquecemento persoal e ao coñecemento de lugares fóra da súa contorna.

Ademais por primeira vez este ano, grazas ao convenio coa Fundación La Caixa, reserváronse 300 prazas para nenos e nenas en situación ou risco de exclusión social, dándolles así a oportunidade de participar a aquelas e aqueles menores que proviñesen de familias con menos recursos.

 

- Publicidade -spot_img