spot_img
InicioBaixo MiñoA Guarda'Degusta Europa' inicia mañá a súa nova edición na Praza de Abastos da...

‘Degusta Europa’ inicia mañá a súa nova edición na Praza de Abastos da Guarda

degusta-europa-inicia-mana-a-sua-nova-edicion-na-praza-de-abastos-da-guardaA Escola de Hostalería Manuel Antonio e a Deputación de Pontevedra inician mañá na Guarda a terceira edición de «Degusta Europa», unha campaña de cociña e degustación de pratos inspirados nos países europeos utilizando produtos das Rías Baixas e o mercado local.

O alumnado do centro vigués será o encargado de elaborar os pratos, previa compra dos ingredientes necesarios para a súa elaboración, tendo en conta a variedade de produtos locais presentes na Praza de Abastos. Alí, entre as 11:00 e as 12:00 h, as veciñas e veciños da vila poderán achegarse para gozar do show cooking e participar na posterior degustación, de balde e aberta ao público.

Nesta ocasión, as e os cociñeiros centrarán a temática das súas creacións gastronómicas na campaña turística «Somos historias». Ao tempo, as tapas manterán un vínculo cos 20 países europeos cos que a Deputación de Pontevedra mantén relación a través dos Proxectos Europeos nos que participa, a saber: Irlanda, Reino Unido, Portugal, Francia, Italia, Malta, Islandia, Finlandia, Holanda, Alemaña,  Polonia, Romanía, Grecia, Suecia, Chipre, Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, Noruega e Dinamarca.

Acudirán á degustación o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e o deputado provincial Santos Héctor.

Sobre «Degusta Europa»

O programa «Degusta Europa», impulsado pola Deputación de Pontevedra, naceu en 2016 con motivo do Día de Europa, no que se conmemora a paz e a unidade dos países que conforman o continente europeo.

A institución provincial emprendeu, así, unha iniciativa coa que pretende promover e impulsar os produtos locais con preparacións culinarias inspiradas na cultura europea, organizada e elaborada polas escolas de hostalería Carlos Oroza e Manuel Antonio en distintos mercados municipais da provincia. O obxectivo último de «Degusta Europa» é, con todo, poñer en valor a gastronomía e a materia prima das Rías Baixas, favorecendo a cociña de proximidade.

Esta terceira edición do proxecto continuará nos mercados ou prazas de abastos de Cangas (4 de maio), Vigo (8 de maio), Lalín (1 de maio), Marín (11 de maio) e Vilagarcía de Arousa (15 de maio).

- Publicidade -spot_img