Inicio O Morrazo Cangas do Morrazo Danza de San Sebastian en Aldán. Mais de 300 anos dunha danza...

Danza de San Sebastian en Aldán. Mais de 300 anos dunha danza declarada de Interese Turístico Galego

Cangas-Danza-San-Sebastian-Aldán-300-anos-danza-declarada-Interese-Turístico-Galego.O atrio da igrexa do Aldán reviviu o pasado día 20, a ancestral cerimonia que se repetiu pola tarde no “Torreiro”. Os bailarins cinco damas, dez galáns e un guía participaron ataviados cos seus vistosos traxes que transmiten unha tradición documentada que se remonta, polo menos, a 1678.

Cangas ostenta o privilexo de conservar unha serie de danzas ancestrais, sen parangón coñecido en Galicia,declaradas de Interese Turístico Galego.

Todas elas contan, ó menos, con varios centos de anos de antigüidade, pero a súa orixe é, seguramente, moito máis remota.Unha das súas particularidades é que os bailaríns, moi especialmente as mulleres, lucen traxes de enorme vistosidade, absolutamente inusuais no folklore galego.

Dado que só se celebran unha vez ó ano, o visitante que teña o bo tino de achegarse á nosa vila nas datas axeitadas, quedará fondamente impresionado cun espectáculo único i exclusivo, que nos remite ás raíces máis profundas do noso ser colectivo

Danza de San Sebastian en Aldán. Mais de 300 anos dunha danza declarada de Interese Turístico Galego.

A “Danza de San Sebastián” ten lugar cada 20 de xaneiro en Aldán, coincidindo coa festividade deste santo, no Adro da Igrexa de San Cibrán de Aldán, aínda que as veces repítese no mesmo día noutro punto desta parroquia.
Ata o ano 1995, o baile celebrábase polas tardes no patio do Pazo dos Condes de Aldán. Actualmente báilase pola mañá ao remate da misa solemne das 12:00 h. e pola tarde vólvese a bailar aínda que sen conexión relixiosa en dúas ocasións: ás cinco no “Torreiro” e ás seis na alameda. No caso de chuvia celébrase sempre no colexio das monxas de Aldán.
Este baile ten a consideración de danza ancestral xa que existe documentación que proba que se bailaba xa en 1.678, (o que significa que no ano 2003 cumpriu 325 anos ininterrompidos de vida) data na que se constituíu a confraría do Santo e quedou constancia de que o mordomo foi Joseph Francisco de Gayoso e Aldao, antepasado dos condes de Canalejas.

A pesar de que non se coñece nin a orixe, nin o significado, sábese que durante séculos a danza estivo relacionada tanto cun carácter votivo (enfermidade) como coa nobreza local. Os danzantes son veciños ofrecidos ao santo sexa pola súa conta ou pola dos seus familiares, en cumprimento dunha promesa, aínda que isto foi cambiando xa que empezaron a bailar simplemente porque lles gustaba. A organización desta danza corre a cargo da Asociación Cultural San Sebastián e dun mordomo, que recada pola parroquia o diñeiro necesario para cubrir gastos, entre os que se inclúe a tradicional cena do 19 de xaneiro.

A danza componse de dez galáns, cinco damas e un guía. Ata hai 40 anos era interpretada unicamente por homes. O baile ten especial brillantez pola mañá, cando se baila ante o santo, durante a procesión que se celebra diante da igrexa parroquial cunha duración aproximada de corenta minutos. Comeza coas venias a San Sebastián e á Cruz. Os danzantes inclínanse seis veces ante cada imaxe: tres veces cando se achegan e outras tres ao volver á posición inicial. A Virxe do Carme acompaña ao Santo, arroupado por unha gran póla de limoeiro, e á Cruz. O guía dirixe en todo momento os movementos do grupo, que baila seguindo ao son da gaita e o tamboril e acompañados do ritmo que fan soar as castañolas dos galáns no inicio de cada compás. Esta clásica danza finaliza cunha muiñeira a modo de contradanza

A vestimenta da Danza de Aldán:

Danza de San Sebastian en Aldán. Mais de 300 anos dunha danza declarada de Interese Turístico Galego.

A actual vestimenta dos Galáns de Aldán, en cor e en estilo negro, presenta un traxe de vestir con camisa branca, gravata gris, zapatos de sola, sombreiro e unha banda que cruza polo peito. Os Galáns da Danza de Aldán levan como complemento unhas castañolas que tocan durante o baile.
Esta banda é de cor púrpura, unha tonalidade que coincide coa do manto do Santo, aínda que durante moitos anos foi substituída pola cor da bandeira española. Ademais, a do guía distínguese da do resto dos galáns por ser de cor malva.
A vestimenta das Damas de Aldán é semellante á empregada na Danza e Contradanza de Darbo.

O traxe das mulleres consta dunhas enaguas brancas con puntillas bastante anchas por riba das cales visten un mandil negro con pedrería de acibeche. A camisa ten a mesma cor que as enaguas con moitos bordados e colo subido.

Compleméntase cun vistoso mantón de Manila que se pon polos ombreiros prendido con broches de fantasía deixando ao descuberto a pecheira da camisa sobre a que caen numerosos colares de pedrería de varios tamaños. Na cabeza, sombreiro de palla, adornado cunha rechamante composición floral artificial de diversas cores da que penden pola súa parte traseira numerosas e longas cintas de cores que chegan cos seus flocos case ata o chan. Pendentes e sortellas complementan este vistoso e pesado traxe que fai que os movementos das Damas sexan repousados e lentos.

 Fuente: Turismo de Cangas

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies