Autoridades de Andorra, Arxentina, Costa Rica, Ecuador, España, México e Uruguai reunidas en Quito (Ecuador) os días 6 e 7 de maio constituíron o Programa Iberoamericano sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
Trátase da primeira iniciativa no mundo na que 7 países afrontan conxuntamente os retos das persoas que viven con discapacidade, que en Iberoamérica suman 90 millóns.
Iberoamérica uniuse para crear o primeiro Programa Iberoamericano sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que busca promover a plena inclusión política, económica e social de 90 millóns de cidadáns e cidadás que viven con algunha discapacidade na rexión.
O Programa quedou constituído nunha reunión de autoridades nacionais de discapacidade de Andorra, Arxentina, Costa Rica, Ecuador, España, México e Uruguai celebrada en Quito (Ecuador) o 6 e o 7 de maio.
A maior parte dos 90 millóns de iberoamericanos con discapacidade sofren exclusión da vida política, económica e social. Os seus índices de alfabetización, escolarización, acceso ao mercado de traballo e á saúde son sensiblemente inferiores aos do resto de cidadáns.
Así mesmo, as barreiras de accesibilidade, así como as actitudinais, marxinan a máis do 80% das persoas que pertencen a este grupo.
Co Programa búscase que Iberoamérica actúe en conformidade coa Convención de Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS) contidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas, en particular a redución das desigualdades.
O Programa participará no II Cume Mundial de Discapacidade (Buenos Aires, xuño de 2019) e as súas propostas serán presentadas na II Reunión Iberoamericana de Ministros de Asuntos Sociais – Innovación no ámbito da Discapacidade (Andorra A Vella, outubro de 2019).



