spot_img
InicioBaixo MiñoConcedido ao Concello de Tui ao obradoiro dual de emprego “Senda ...

Concedido ao Concello de Tui ao obradoiro dual de emprego “Senda río Furnia”

Concedido ao Concello de Tui ao obradoiro dual de emprego “Senda río Furnia”Trátase dun proxecto moi ambicioso que ten coma finalidade a formación  en dúas profesións con gran demanda laboral

Revista COUSAS DE nº14

O concello de Tui vén de recibir a notificación da Consellería de Emprego e Igualdade da concesión dunha subvención de 503.987,00 € para a realización do obradoiro dual de emprego “Senda río Furnia”, nas parroquias de Malvas e Pexegueiro.

No mesmo formaranse 20 alumnos e alumnas nas especialidades de “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e outra de madeira de “Montaxe e instalación de construcións de madeira”. Ao remate desta acción formativa, o alumnado recibirá o correspondente certificado de profesionalidade nestas dúas profesións.

O obxectivo é recuperar a riqueza natural e cultural da conca do río Furnia no termo municipal de Tui, coa creación dunha senda de 4.650 metros á beira do río.

O alcalde Enrique Cabaleiro e a concelleira de Emprego e Formación, Ana Núñez, amosan a súa satisfacción pola consecución deste novo obradoiro de emprego que ofrecerá competencias para acceder ao emprego mellorando o currículo destas vinte persoas (ODS 4, 6, 11 e 15,). Engaden, ademais, que Tui avanza no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) promovendo oportunidades de aprendizaxe para toda a vida para todos/as. Tamén dá os primeiros pasos nos compromisos marcados pola Axenda Urbana Española no seu obxectivo estratéxico 1 coa mellora do patrimonio natural e a protección da paisaxe, a recuperación da biodiversidade e a creación de infraestruturas verdes que promovan a conectividade ecolóxica.

Unha senda fluvial  de 4.650 metros en Malvas e Pexegueiro

O proxecto inclúe, por unha banda, a integración ambiental do propio curso fluvial e, por outra, unha senda peonil de 4.650 metros de lonxitude na zona de servidume de tránsito do río nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Para a súa execución contémplase a limpeza de vexetación, colocación de tocos de sinalización, paneis informativos, varandas e pontellas de madeira. Coa execución desta senda o concello dará resposta a unha vella aspiración da veciñanza destas dúas parroquias tudenses.

Concedido ao Concello de Tui ao obradoiro dual de emprego “Senda río Furnia”

O río Furnia, que nace no Parque Natural do Monte Aloia e desemboca no río Miño en Tomiño, destaca pola importancia da súa flora e pola súa riqueza patrimonial, xa que ao longo do seu percorrido e contorna existen numerosos muíños, pontes e outros elementos patrimoniais de consideración.

20 alumnos e alumnas traballadoras

Agora, tras recibir a resolución favorable por parte da Consellería, o proceso de selección comezará nas próximas semanas e as persoas interesadas en participar deberán estar inscritas na oficina de emprego nas áreas correspondentes. A subvención solicitada contempla tamén a contratación dunha persoa para o cargo da dirección, outra para  titoría, outra a tempo parcial para auxiliar de oficina, e dúas persoas como docentes.

O alumnado deberá estar en posesión do graduado en ESO ou superior, ser maior de 18 anos e estar inscritas na oficina do Servizo Público de Emprego de Tui. Para a selección tanto do persoal de administración como para o alumnado, o Concello solicitaría á oficina do SPEG unha listaxe de persoas que cumpran as condicións e realizaría o proceso de selección seguindo as instrucións da Consellería. Vinte persoas desempregadas estarán durante 12 meses formándose, ao tempo que desenvolverán un traballo remunerado de interese xeral en beneficio dos veciños e veciñas  de Tui.

- Publicidade -spot_img