spot_img
InicioGaliciaCompostelaCompostela acolle desde hoxe o primeiro ‘Congreso internacional sobre peregrinacións e turismo’

Compostela acolle desde hoxe o primeiro ‘Congreso internacional sobre peregrinacións e turismo’

Puente románico de A RamallosaExpertos destacados sobre peregrinacións tratarán este fenómeno histórico e cultural no I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo. O Congreso reunirá a 350 participantes dende hoxe, 17 de setembro, ata o 20 de setembro no Hostal dos Reis Católicos.

O primeiro congreso sobre peregrinacións e turismo, avalado pola Organización Mundial de Turismo (OMT), conta cun total de 35 poñentes de primeiro nivel, procedentes dos cinco continentes e de todos os ámbitos relixiosos, combinando especialistas académicos, profesionais do sector turístico, das administracións públicas relacionadas coa materia, etc. que ofrecerán no seu conxunto unha visión xeral do turismo de peregrinacións a nivel mundial. Entre outros, Adel El Gendy, Claudio Ricci, Alison Hillard, Paolo Caucci von Saucken e Marcela Bacigalupo encontraranse na capital de Galicia para deleitarnos co seu coñecemento.

O acto inaugural celebrarase hoxe mércores 17 ás 17’30 horas, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Borrego; o secretario xeral da Organización Mundial de Turismo, Taleb Rifai; e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

O xoves 18 terá lugar a primeira xornada formada por dúas sesións baixo o título “As peregrinacións como impulso ao turismo e á hospitalidade” e “A relixiosidade popular, peregrinación e turismo espiritual”. A primeira sesión é unha reflexión sobre como a peregrinación de crentes pode impulsar o turismo internacional e o desenvolvemento local. A segunda sesión, moderada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, abrirá un debate sobre os factores motivacionais das peregrinacións e o turismo espiritual. A continuación, celebrarase un xantar-coloquio, e pola tarde unha sesión monográfica sobre o franciscanismo.

A sesión do venres 19 abrirá cunha mesa sobre “O turismo de peregrinacións ante o patrimonio histórico e cultural” na que se reflexionará sobre o feito de que os lugares de culto e os santuarios atraen cada vez a máis persoas, e non só aos crentes, reforzando o papel do turismo e da conservación do patrimonio histórico e da identidade cultural na era da globalización. A outra sesión desta xornada centrarase na natureza como inspiración ao turismo e á peregrinación. Pola tarde terá lugar unha sesión sobre a sustentabilidade do turismo de peregrinacións que incluirá unha conferencia, unha presentación de estudos de caso e un debate técnico. Esta quinta sesión contará coa participación da Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que explicará o caso da peregrinación xacobea e as perspectivas contemporáneas do camiño de Santiago.

Para finalizar a sesión, a xefa do Programa, Ética e Responsabilidade Social, da OMT lerá a Declaración de Santiago de Compostela sobre Turismo e Peregrinacións, que sentará unhas pautas comúns para todas as rutas de peregrinos.

Ademais, o sábado 20 de setembro os participantes do congreso poderán disfrutar dun programa social que lles permitirá percorrer un tramo do Camiño Santiago-Fisterra e visitar a igrexa de Nosa Señora das Areas e o cabo de Fisterra.

O congreso ten como finalidade sensibilizar á comunidade internacional sobre a crecente importancia das peregrinacións e do turismo espiritual; poñer de relevo o significado histórico e cultural das peregrinacións, tanto dos seus aspectos relixiosos coma seculares; así como das rutas culturais como fenómeno universal; discutir políticas e estratexias para a salvagarda e a xestión do patrimonio ao longo das rutas e resaltar a contribución positiva das peregrinacións ao crecemento sostible, responsable e pacífico das economías e sociedades a escala global.

Dito congreso enmárcase na programación especial da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que esténdese dende mediados do 2013 ata mediados do ano 2015 e ten como obxectivo principal impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea como a que viviu San Francisco.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.