spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaComezan os traballos de emerxencia na parroquia de San Esteban de Negros...

Comezan os traballos de emerxencia na parroquia de San Esteban de Negros en Redondela

comezan-os-traballos-de-emerxencia-na-parroquia-de-san-esteban-de-negros-en-redondela

A Deputación de Pontevedra comezou hoxe os traballos de retirada dos escombros acumulados nas inmediacións da estrada N-555 que impedían o acceso a varias casas da parroquia de San Esteban de Negros en Redondela.

Unha retroescavadora, un camión e unha brigada con cinco operarios empezaron hoxe as labores de desescombro unha vez que o concello de Redondela acadou a totalidade das autorizacións para o corte da estrada nacional, competencia do Ministerio de Fomento, e un lugar para o verquido do escombro. De feito a deputada provincial redondelán, Digna Rivas, interesouse polo comezo destes traballos persoándose na zona esta mesma mañana.

O concello solicitara o pasado martes a maquinaria da Deputación para levar a cabo estes traballos pero non puideron traballar a pesares de persoarse na zona pola ausencia das autorizacións correspondentes.

Pola súa banda, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe en rolda de prensa tras a xunta de goberno, que a institución provincial sempre vai atender aquelas peticións de axudas dos concellos en casos urxentes como o acontecido en Redondela. De feito, Silva destacou que a Deputación contestou dun xeito moi rápido a petición de Redondela “é unha emerxencia  e nós nos solidarizamos cos veciños e veciñas de San Esteban que sufriron os efectos dos temporais da fin de semana pasada e alí está a traballar a maquinaria da Deputación”.

Sen embargo, lamentouse da actuación política que está a desenvolver o Partido Popular na provincia promovendo mocións nos concellos para pedir que a maquinaria da Deputación traballe neles. “Os equipos da Deputación traballan cando así o piden os concellos e nos casos de urxencia e emerxencia como é o caso de Redondela e, sobre todo, cando é pedido polos concellos”.

“Ningún concello –continuou Silva- pediu as máquinas da Deputación. So o fixo un. E é Redondela. Alí están as maquinas da Deputación traballando a pesares de que non son as nosas competencias porque trátase dunha estrada nacional que  correspóndelle ao Ministerio de Fomento”.

A Presidenta concluíu dicindo que resulta “ridículo” que o PP estea a pedir con mocións nos concellos da provincia que a maquinaria da Deputación traballe neles cando os propios concellos non o pediron.

 

- Publicidade -spot_img