spot_img
InicioO SalnésComezan os preparativos para a XLIII edición da Festa do Viño Tinto...

Comezan os preparativos para a XLIII edición da Festa do Viño Tinto do Salnés

A Festa do Viño Tinto do Salnés xa está cada vez máis cerca. Nesta edición, que xa se presenta como a corenta e tres, non faltarán as tradicionais actividades que se levan a cabo cada ano.

A festividade celebrarase o primeiro fin de semana de xuño, e os organizadores xa comezaron a reunirse para que un ano máis o evento produza a mellor acollida posible por parte dos veciños do municipio e dos visitantes.

A cata de viños e o acto de valedores conforman o eixe da celebración de Ribadumia. Cada ano os mellores viños das categorías Barrantes e Autóctono pasan polo padal dos catadores para finalmente elixir ó premiado que se converterá no mellor viño da súa categoría durante todo o ano.

O ano pasado a organización decidiu centralizar as catas no Centro Social de Barrantes e crear así un centro único de catas. Por iso, e tendo en conta o éxito obtido reflectido nas cifras, a organización considerou oportuno realizar unha reunión cos colleiteiros para valorar os resultados do ano anterior e engadir as melloras que consideren precisas.

Tanto para o Concello de Ribadumia como para a Comisión de Festas é esencial a opinión dos viticultores nos preparativos da festa popular.

O primeiro acercamento terá lugar este venres co obxectivo de poñer en común as observacións da edición anterior e as novas propostas desta para que un ano máis a Festa do Tinto fascine a todos os que se acheguen a probar os caldos do municipio.

Festa do Viño Tinto do Salnés

A Festa do Viño Tinto do Salnés, cuxa primeira edición se remonta ao 1967, reúne a un experto comité de catadores que fai entrega dos premios nun multitudinario almorzo a base de polbo, empanada e carne regado co afamado viño tinto de Barrantes, un caldo froito da fermentación da variedade de uva espadeira e exaltado por numerosos escritores. A programación tamén inclúe unha variada oferta de concertos e actividades culturais, así como a Mostra de Exaltación da Nosa Conserva.

 

- Publicidade -spot_img