spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorComezan as visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas...

Comezan as visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas esgotadas

Comezan as visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas esgotadas

Coco Chanel, María Vinyals e Pardo Bazán foron as acompañantes de excepción de Carmela Silva e do primeiro grupo de visitantes, na estrea das visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior.

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Turismo, Santos Héctor, polo alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, así como por un grupo guiado de persoas que esgotou en horas as prazas dispoñibles, asistiu esta mañá á primeira visita caracterizada do Castelo de Soutomaior, “Camelia e moda”. Na actividade, conducida por tres guías oficiais caracterizadas de Coco Chanel, María Vinyals e Emilia Pardo Bazán, deuse a coñecer o xardín de camelias, que está en plena floración, a exposición “A moda en detalles” e a musealización do castelo Esta iniciativa, que continuará os días 3 e 10 de marzo, tivo un rotundo éxito de convocatoria ao esgotar todas as prazas.

Na entrada ao Castelo, Carmela Silva exerceu de anfitrioa dando a benvida ao grupo de visitantes e presentando a tres figuras históricas ás que pediu que “para o ano que ven tedes que volver a saír de onde estades para estar aquí, porque este Castelo é máis voso que de ninguén”. A presidenta provincial puxo en valor a relevancia de Vinyals, Chanel e Pardo Bazán, “tres mulleres que marcaron a historia do mundo”. Silva lembrou as moitísimas personalidades que na historia pasaron polo Castelo de Soutomaior “un espazo de cultura onde estiveron todos os grandes nomes do noso país e de toda Europa da man de María Vinyals”. A Pardo Bazán agradeceu que a camelia “a nosa flor de Rías Baixas”, fora enxalzada e protagonista nos seus escritos, e de Coco Chanel subliñou que “foi o paradigma das mulleres que ocuparon os espazos públicos. As mulleres vivían encorsetadas e ela transformou a moda para que puideran vestir de forma libre para facer todo tipo de actividades”. A presidenta da Deputación enxalzou tamén os xardíns de excelencia internacional de Soutomaior. “Só hai catro en España e os catro están nesta provincia. Aquí podemos ver ata 25 especies distintas de camelias e máis de 400 exemplares únicos”, dixo.

Máis polo miúdo, a visita caracterizada comezou coa intervención de Emilia Pardo Baźan, que se dirixiu ao público cunha explicación acerca dos magníficos exemplares de camelias que se atopan nos xardíns do Castelo. Despois, centrouse en dar conta da súa estreita vinculación con María Vinyals, que foi propietaria do castelo e conseguiu convertelo nun espazo para as persoas, cheo de cultura e de paz. Así, Vinyals tomoulle o relevo a Pardo Bazán ao recibir ao grupo de visitantes nos exteriores do castelo para dirixilos polo paseo da senda das camelias. Finalmente, foi Coco Chanel a encargada de pechar a visita no Patio de Armas e invitar ao público ao Salón do Tapiz, no que está exposta a mostra “A moda en detalles”.

A iniciativa “Camelia e moda”, impulsada no marco da campaña “Fame de experiencias”, volverá ao castelo os días 3 e 10 de marzo con dous pases: un ás 12.00 horas e outro as 16:00 horas. Esta novidosa actividade, que botou a andar da man da Deputación de Pontevedra, ten como principal obxectivo divulgar unha nova maneira de descubrir a historia do Castelo de Soutomaior a través das figuras históricas de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel. Así, preténdese que o público asistente poida coñecer máis de cerca este espazo, declarado como Xardín de Excelencia Internacional en Camelia.

- Publicidade -spot_img