Este venres, 25 de febreiro, póñense en funcionamento as rutas do proxecto “Río Miño, un destino navegable” que comparten os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, as cámaras municipais de Valença e Monçao, con Turismo de Galicia e Turismo Porto e Norte.
As rutas establecidas, que terán carácter gratuíto, brindarán unha experiencia turística única entre catro cidades de dous países unidas polo río Miño. As oficinas de turismo de cada municipio serán o punto de partida para un percorrido que permitirá coñecer os conxuntos históricos de Tui, Valença, Salvaterra e Monçao, gozar da súa gastronomía, as compras, e amais navegar polo río Miño entre os municipios que conforman cada unha destas dúas eurocidades. Son oito horas de actividades nas que un tren turístico realizará a unión entre os centros históricos e o pantalán de atraque da embarcación.
Este mediodía Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, José Manuel Carpinteira, presidente da Cámara de Valença, Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra, e Laura González- Dopeso Portela de Turismo de Galicia, realizaron unha viaxe entre Tui e Valença. Neste primeiro percorrido en barco puideron admirar a Eurocidade Tui-Valença dende o río, coa ponte internacional, a fortaleza e o conxunto histórico coma grandes protagonistas.
A partir de mañá as persoas interesadas poderán realizar as súas reservas en www.hemisferios.org ou no teléfono (+34) 620 900 265 para realizar as rutas a partir deste venres, 25 de febreiro, con carácter gratuíto
Na mesma inclúese o percorrido con guía polos conxuntos históricos, o transporte en tren turístico, e a viaxe en barco, sendo a comida por conta do participante. Cada ruta ten unha participación mínima de 7 persoas e máxima de 15.
Esta primeira semana do venres 25 de febreiro ao domingo 6 de marzo o barco realizará as viaxes entre Tui e Valença, e a partir do luns 7 o percorrido será entre Salvaterra e Monçao. Iranse alternando así as saídas semanalmente entre as eurocidades participantes no programa.
Ofértanse un total de 6 rutas con hora previsto de inicio ás 10 h. Haberá catro rutas curtas entre Tui-Valença, Valença-Tui, Salvaterra-Monçao e Monçao-Salvaterra
A ruta corta entre Tui e Valença parte da Oficina de Turismo de Tui, no Paseo da Corredoira. Dende aquí as persoas participantes, acompañados dun guía, visitarán o conxunto histórico de Tui presidido pola Catedral, e irán camiñando até o embarcadoiro de pescadores no Paseo fluvial. Tras embarcar poderán coñecer Tui e Valença dende o río , para volver ao embarcadoiro onde os agardará un tren turístico que os levará até a Fortaleza de Valença cruzando pola vella Ponte Internacional. Aquí terán tempo libre para xantar e continuarán logo coa visitando o centro histórico. Novamente no tren turístico regresarán á Oficina de Turismo de Tui.
En sentido inverso irá a ruta curta entre Valença e Tui que comezará na Oficina de Turismo de Valença, na Porta do Sol, para visitar o centro histórico, cruzar no tren turístico pola vella Ponte Internacional até o embarcadoiro, e tras o paseo en barco visitar o conxunto histórico de Tui. O tren levará de novo aos participantes ao punto de partida en Valença.
O mesmo acontece coa dúas rutas curtas entre Salvaterra e Monçao, partindo das oficinas de Turismo de cada municipio, percorrendo ambos conxuntos históricos, e atravesando en tren turístico a ponte internacional até o embarcadoiro ou dende o embarcadoiro en Salvaterra. Aquí no paseo en barco poderanse ver as pesqueiras empregadas para a pesca da lamprea.
Asemade establécense dúas rutas longas Tui-Salvaterra-Monçao-Valença, nas que sempre que as condicións de navegabilidade o permitan o percorrido entre Tui e Salvaterra, e viceversa, será en barco ou en caso contrario en autobús.
O proxecto “Rio Miño, un destino navegable” realízase ao abeiro do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)