spot_img
InicioPontevedra e ÁreaCincuenta estudiantes realizarán prácticas no estranxeiro ao abeiro do proxecto "Practicum Depo...

Cincuenta estudiantes realizarán prácticas no estranxeiro ao abeiro do proxecto “Practicum Depo 2016”

cincuenta-estudiantes-realizaran-practicas-no-estranxeiro-ao-abeiro-do-proxecto-practicum-depo-2016A Deputada de Emprego da Deputación de Pontevedra, Montse Magallanes, recibiu hoxe ao alumnado de formación profesional que desfrutará das bolsas do 4º grupo de mobilidade do proxecto “Prácticum Depo 2016”. O alumnado asistiu a unha xornada no Edificio Administrativo na que se lles informou de diversos asuntos de interese para a posta en marcha da súa mobilidade no estranxeiro.

Ao abeiro de “Prácticum Depo 2016”, a institución provincial permitirá que estes 50 alumnas e alumnos de Formación Profesional de ciclos medios se formen, facendo a súa primeira incursión no mundo laboral e intercambiando experiencias, a través de prácticas en empresas e institucións do Reino Unido, Italia, Irlanda, Malta, os Países Baixos, Portugal e Finlandia a partir do mes de outubro.

Montse Magallanes lembrou a estes 50 alumnos e alumnas que “estades ante un reto, unha posibilidade e unha oportunidade” e, por iso, pediulles “que a collades con emoción e con intensidade, dando o mellor de vós mesmas e mesmos”. A Deputada provincial asegurou que “ides dunha maneira e volveredes doutra, cunha transformación absoluta porque son seis meses moi intensos nos que ides saír do voso ámbito familiar”. “Son seis meses nos que ides ter que tomar decisións e responsabilidades, ademais de afrontar situacións que na vosa vida diaria probablemente non atopedes”, sinalou a Deputada.

Así mesmo, Montse Magallanes tamén lembrou que, ademais da experiencia empresarial, “ides estar nun territorio distinto que non coñeceredes tanto como o voso, o que vos vai permitir mellorar as vosas habilidades lingüísticas e mesmo sociais, algo indispensable en calquera traballo”. A Deputada fixo alusión á “dobre vertente” de “Prácticum Depo”, que promove a mellora destas habilidades, por unha banda, e “a mellora da vosa empregabilidade”, pola outra. A este respecto, Montse Magallanes sinalou que “coas prácticas poderedes trasladar todo aquilo no que vos fostes formando ao eido empresarial, unha oportunidade para estar por primeira vez nun ámbito empresarial no que recibistes a vosa formación”.

“Este é un reto, unha posibilidade e unha oportunidade para mellorar a súa empregabilidade” sinalou Montse Magallanes.

A Deputada tamén quixo agradecer “aos centros, ao profesorado e aos titores e titoras, pola súa implicación, sen a que sería posible poder desenvolver este programa co grao de satisfacción co que o desenvolvemos”, e tamén ao persoal do Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Deputación de Pontevedra “que traballa a diario e con moito esforzo para estar pendente de todas e todos vós para que as mobilidades vos repercutan na mellor maneira posible”. “Oxalá as persoas da miña xeración puideramos ter tido tantas oportunidades para coñecer outros territorios, outras culturas e outras xentes como tedes vós”, sinalou Montse Magallanes.

“Prácticum Depo 2016” é unha iniciativa plurianual, que ten un desenvolvemento de 24 meses e que se estende ata o 31 de maio de 2018. Grazas a esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 600.000 euros, un total de 101 persoas de 29 centros, entre alumnado e profesorado, están a realizar ou realizarán prácticas laborais en diferentes entidades europeas. Con este novo grupo de 50 persoas, cuxas bolsas foron aprobadas na Xunta de Goberno do pasado venres, xa son 79 as persoas cuxas estadías están en marcha, restando outras 21 prazas que serán adxudicadas en breve.

O pasado mes de xuño aprobouse unha nova achega de case 900.000 € para pór en marcha a seguinte edición deste programa, o “Prácticum Depo 2017”, que levará a 93 mozas e mozos e profesorado de 33 centros educativos de formación profesional da provincia a coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa ata maio de 2019.

O programa “Prácticum Depo” recibiu dende a súa posta en marcha en 2015 (“cando comezamos con moi pouca experiencia pero con moita ilusión”, sinalou Montse Magallanes) un investimento de  2,7 millóns de euros (2.640.000 €) para o impulso da mobilidade de 319 persoas, tanto alumnado como profesorado de ciclos formativos, permitindo que poidan realizar tanto as súas prácticas profesionais como docentes, e coñecer o que se está a levar a cabo noutros países da Unión Europea.

 

- Publicidade -spot_img