Nesta mostra, o fotógrafo e académico Xurxo Lobato documenta todo o proceso de creación dunha obra do xenial artista de Lalín
A Fundación Laxeiro remata o Ano Laxeiro con esta exposición que documenta a acción que Laxeiro levou a cabo, en 1987, na compostelá Galería Trinta, na que, o día da inauguración dunha exposición súa, pintou en directo a obra titulada Aparición, un magnífico óleo sobre tea de 176 x 146 cm.
Acción Laxeiro lembra aquela feliz inauguración incluíndo a devandita obra, pintada por Laxeiro en directo, e numerosas fotografías de Xurxo Lobato que documentan os encontros que o fotógrafo tivo co pintor, estruturada en tres series diferenciadas:
- O proceso de realización da obra “Aparición” pintada en directo, diante do público asistente á inauguración, na galería Trinta en 1987.
- No ano 1993 o fotógrafo retrata a Laxeiro pintando unha escaleira para publicar no libro “Galegos na escaleira” editado pola Fundación Caixa Galicia.
- Retratos de Laxeiro con Uxío Novoneyra, Jorge Castillo, Maruxa Seoane, Felipe-Senén, Abelenda, e do pintor no seu estudio de Vigo.
A exposición foi presentada na sede da Real Academia Galega de Belas Artes, o 1 de abril de 2022, con motivo dos actos de celebración nos que se dedicou a Laxeiro o Día das Artes Galegas, do que xurdiu a proclamación do Ano Laxeiro por parte das institucións galegas.
Despois de viaxar por Ferrol, Lugo, Ourense, Lalín e Vilagarcía, a mostra remata a súa itinerancia en Vigo (2 de abril), na sede da Fundación que leva o seu nome, como colofón a un ano cheo de actividades dedicadas a Laxeiro.
O proxecto, comisariado polo fotógrafo Xurxo Lobato, académico da sección de Artes da Imaxe, está financiado pola Xunta de Galicia e producido pola Real Academia Galega de Belas Artes.