spot_img
InicioReportaxesCEMMA: 25 anos na custodia da vida mariña nos mares galegos

CEMMA: 25 anos na custodia da vida mariña nos mares galegos

CEMMA 25 anos na custodia da vida mariña nos mares galegosÁ maioría de nós pásanos desapercibida a vida que habita baixo o mar. Só cando acontece un feito especial como a aparición, vivo o morto, dun animal mariño, lembramos a existencia destes veciños silenciosos. Dende hai un cuarto de século, un grupo de científicos e voluntarios fan de nexo cotiá entre estas dúas partes do país, a terrestre e a mariña. Agrúpanse na Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), unha ONG galega con base en Nigrán, creada en 1992 e que en maio deste ano celebra o seu 25 aniversario.

Entre 1990 e 2016 tiveron lugar 152 varamentos de animais mariños nas costas de Baiona e 100 varamentos nas de Nigrán,
segundo estatísticas da CEMMA. Na imaxe, asistencia a varamentos. Rocual común femia de 19,8 de Muros. 2013.

LOURIDA: UN NOME MOI QUERIDO
No remate da década dos ’90 apareceu “Lourida” varada viva nos areais de Lourido en Nigrán. Era unha cría moi pequena de arroaz boto (Grampus griseus). A pequena lactante non sabía comer, “aínda se estaba alimentando de leite da súa nai”, lembra José Martínez Cederia o actual presidente da CEMMA. Foi un dos primeiros exemplares rescatados e levado a recuperación. “Desgraciadamente non sobreviviu, pero co esforzo realizado a CEMMA aprendeu moito, e conseguiu mellorar a asistencia noutros animais”, salienta. O fito marcou o carácter desta ONG que na actualidade está composta por preto de 200 socios/as a nivel individual, e tamén forman parte dela as entidades ambientais galegas: ADEGA, ANABAM, ERVA, Colectivo Ecoloxista do Salnés e Grupo Hábitat. Xuntos día a día traballan polo estudo, divulgación e conservación dos mamíferos mariños e tartarugas mariñas, tendo ao seu cargo o rexistro e asistencia dos varamentos que se producen na costa galega, baixo a tutela da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Pesaxe de unha tartaruga mariña común en recuperación.

O QUE TRAE O MAR
Segundo a documentación da CEMMA, cada ano rexístranse unha media de 285 varamentos de mamíferos mariños e tartarugas mariñas en Galicia. Salientan que os varamentos se producen principalmente nos meses de xaneiro a abril, relacionado coa incidencia dos temporais e do mal tempo no mar. Afirman que a cifra é a máis alta de todo o sur de Europa. Emporiso, mediante diversos estudos realizados, estímase que tan só
chegan a varar o 23% dos animais que morren no mar. “O elevado número de varamentos
estaría relacionado con varias cuestións”, matiza José Martínez. En primeiro lugar, lembra que nas augas galegas podemos atopar máis de 30 especies de mamíferos e tartarugas mariñas. Que algunhas destas especies, como é o caso do golfiño común, son moi abundantes. E finalmente que Galicia ocupa unha posición xeográfica moi particular, recibindo ventos e correntes procedentes de diferentes zonas, que arrastran a terra unha boa parte dos animais que morreron no mar.

CEMMA: 25 anos na custodia da vida mariña nos mares galegos
Non se pode conservar aquilo que non se coñece. Por esta razón, a CEMMA estuda e fai un seguimento das poboacións mariñas que logo comunica a través de obradoiros e mostras de divulgación ambiental, para achegar á sociedade os coñecementos adquiridos, e facela partícipe da conservación mariña. Na imaxe unha mostraxe marítima de cetáceos. Campaña PHOCOEVAL. 25 millas ao oeste de Cabo Silleiro. Setembro 2015.

A REDE DE VARAMENTOS DE GALICIA
Un 10% dos varamentos corresponden a animais vivos. Nestes casos, as Unidades Móbiles da CEMMA poñen en marcha protocolos especiais de asistencia. Naqueles casos que sexa necesario, os animais son trasladados á Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Establecemento Veterinario da CEMMA, situado en Nigrán. No caso dos animais mortos, os biólogos levan a cabo unha necropsia e recollida de mostras, para tratar de determinar as causas da morte e, á vez, poder realiza estudos de alimentación, reprodución, xenética, parasitoloxía, patoloxía entre outros.

Asistencia a varamento dun golfiño común en Praia América. 2014
VISITAMOS O MUNDO MARIÑO DO VAL MIÑOR COS CIENTÍFICOS DA CEMMA
Co fin de coñecer mellor o contorno mariño da bisbarra, os científicos da CEMMA respondéronos as seguintes consultas:

-Cales son as especies mariñas máis comúns e cales as máis singulares no Val Miñor? A maior parte dos rexistros de varamento corresponden a mamíferos mariños, principalmente a cetáceos de pequeno tamaño, como o delfín común. No caso dos avistamentos, dende Cabo Silleiro, nos días nos que o mar está en calma, pódense observar diversas especies como: golfiño común, caldeirón, toniñas ou balea común. (ver cadros anexos).

Golfiños comúns nas costas das Rías Baixas

-Algunha delas está en perigo de extinción?
De todas as especies rexistradas na comarca do Val Miñor, a que presenta un peor estado de conservación é a toniña (Phocoena phocoena). Está catalogada como especie vulnerable, pero as evidencias apuntan a que debería pasar a considerarse como especie en perigo de extinción. A toniña é a especie de cetáceo máis pequena de todas as presentes nas augas do Hemisferio Norte. Os exemplares adultos apenas chegan aos 2 m de lonxitude, e nas augas galegas atópanse os individuos de maior tamaño. Dáse a particularidade de que nesta especie existe dimorfismo sexual, de maneira que as femias son máis grandes que os machos. A nivel da península Ibérica considérase que as
toniñas están extinguidas da costa do Mediterráneo, e o NO da península, en concreto as Rías Baixas e o norte de Portugal son o seu único reduto. Aínda podemos velas na nosa comarca, en zonas como As Negras de Silleiro, ou preto das Illas Estelas.

Actividade de formación e educación ambiental. Simulacro de rescate e asistencia a un golfiño varado vivo, empregando unha maqueta. Actividade realizada na Praia de Patos, en colaboración con Prado Surf Escola. 2014.

-Cando atopamos un animal mariño varado na praia, que debemos facer?
Poñerse en contacto coa CEMMA chamando ao teléfono de Emerxencias SOS Galicia- 112. A chamada é gratuíta e o servizo permanece activo as 24 horas do día. Tamén con outras entidades como Policía Local, Garda Civil, Protección Civil. Todas estas entidades levan moitos anos colaborando coa Rede de Varamentos de Galicia.

-As persoas sensibles coa custodia medioambiental, como poden colaborar?
Todas as persoas interesadas en colaborar coa CEMMA poden participar nos labores de voluntariado ambiental. Para iso deben poñerse en contacto coa organización escribindo un correo electrónico a: voluntariadocemma@gmail.com

Por #ÁlvaroPeralta 📷 CEMMA

CEMMA: 25 anos na custodia da vida mariña nos mares galegosCEMMA: 25 anos na custodia da vida mariña nos mares galegos

 

- Publicidade -spot_img

1 comentario

Comments are closed.