
Cristian Toro e Sául Craviotto, en K-2 200 metros, e Rubén Millán e Gabriel Campo Pavón, en K-2 1.000 metros, alcanzaron as finais nas súas probas na Copa do Mundo de Duisburg (Alemaña).
Teresa Portela, en K-1 200, disputará a final C, mentres Diego Romero foi eliminado en C-1 1.000 metros. Este sábado comezarán a competir Óscar Carreira e Rodrigo Germade, compoñentes do K-4 1.000, e André Oliveira e David Fernández en C-1 1.000 metros. A representación galega segue transmitindo boas sensacións, a pesar do cansazo acumulado por aqueles que tamén disputaron o preolímpico continental.
Moitas miradas céntranse no K-200 metros. Despois de gañar a súa praza olímpica, Cristian Toro e Saúl Craviotto volveron demostrar a súa fortaleza. Impuxéronse con claridade na primeira serie e despois lograron de forma cómoda o seu pase á final. Cando eles compiten, no campo de regatas percíbese unha gran expectación. No mundo do piragüismo é complicado impoñerse tantas veces de forma consecutiva, con tan poucas horas de diferenza e ademais cunha gran solvencia. Ambos recoñecen sentirse cansos. Pero agora só quédalles unha regata para cumprir o seu segundo obxectivo.

Gabriel Campo Pavón e Rubén Millán, en K-2 200 metros, recuperáronse do intenso esforzo dos dous días anteriores. Polo menos, nos resultados. Nas semifinais foron segundos, nun apertado final. Os compoñentes do Kayak Tudense desvelaron que “estamos cansos, pero a Copa do Mundo tamén nos ilusiona”. Ambos, que son debutantes na pista de Duisburg, afrontarán a final sen presión. Algúns dos favoritos nesta proba foron eliminados. Gabriel Campo Pavón e Rubén Millán tamén anunciaron que paraticiparán no K-1 5.000 metros do domingo.

Teresa Portela estará na final C do K-1 200 metros. A padeeira canguesa acode a Duisburg co obxectivo de probarse e de competir para saber como vai a súa preparación, enfocada totalmente ao mes de agosto. Por iso os seus resultados teñen un valor de sensacións. Na semifinal da súa modalidade terminou sexta. “Non pasa nada. Non estou ao cento por cento. Pero isto sérveme para moito. O meu obxectivo é outro”, declarou. Teresa Portela tamén aproveita a Copa do Mundo para analizar aos seus rivais.
A deportista de Cangas recoñeceu que “hai un gran nivel nesta Copa do Mundo, xa que moitas adversaria que estaban o preolímpico apuntáronse á Copa do Mundo. Este é un bo exame para min”.
Diego Romero, do Breogán do Grove, reflectía no seu rostro o cansazo acumulado. Despois de terminar no cuarto lugar no preolímpico, afrontaba con cautela a Copa do Mundo. Chegou ata as semifinais, na que terminou sétimo e por tanto foi eliminado. “Non podo moito máis. Necesito recuperar e descansar un pouco. Toda a forza tíñaa para o preolímpico e agora estou na reserva”, recoñeceu. Tamén estará na liña de saída do C-1 5000 metros do domingo.
André Oliveira e David Fernández, en C-2 1.000 metros, iniciarán este sábado a competición, o mesmo que Óscar Carreira e Rodrigo Germade, compoñentes do K-4 1.000 metros. As probas desenvolveranse ata media tarde, segundo o horario previsto pola organización.



