Inicio Baixo Miño A Guarda Catorce concellos, un Xeodestino

Catorce concellos, un Xeodestino

Catorce concellos, un XeodestinoO Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, presentou en Tui a súa folla de ruta para este ano, que inclúe a creación dunha web, un banco de imaxes, un concurso de curtas, andainas culturais, unha nova ruta turística ou un concerto

Tras a súa posta de largo na Feira Internacional de Turismo de Madrid, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentou este xoves en Tui a súa folla de ruta para os vindeiros cinco anos. Un plan estratéxico que conta co respaldo de Turismo da Xunta de Galicia e que busca impulsar de maneira conxunta “a competitividade do sector turístico dos 14 concellos que o conforman, situándoo como o instrumento de referencia na planificación turística do territorio e coa finalidade última de desenvolver produtos turísticos de calidade baseados nos nosos recursos, identidade e tradición”.

Catorce concellos, un Xeodestino

Así o explicaba a alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural no acto de presentación desta Estratexia de Turismo, no que participaron Laura González-Dopeso, responsable de programas europeos de Turismo de Galicia e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, que se amosou “moi orgulloso de acoller a presentación do noso plan de futuro”. Tamén estiveron presentes Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Antonio Lomba, alcalde da Guarda; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan A. González, alcalde de Nigrán; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; así como os concelleiros de turismo de Gondomar, Nigrán, Redondela, Soutomaior e Tui.

Serán “10 liñas de traballo centradas na creación de produto con 10 marcos de actuación que non deben ser compartimentos estancos, senón que aparecerán nexos comúns e procuraranse sinerxías”, salientou Francisco Ferreira. Durante a súa intervención o alcalde de Gondomar quixo destacar algúns datos do territorio, como que conta co 17,75% das prazas de aloxamento da provincia, que os hoteis do xeodestino rexistraron un incremento interanual do 11,2% ou que o turismo estranxeiro medrou case un 36%. Ademais, “somos punto de paso do Camiño de moda, o Camiño Portugués, que medra ano a ano exponencialmente”, con máis de 95.000 peregrinos nas dúas rutas posibles no 2019.

Uns que demostran a singularidade do Xeodestino, unha singularidade non só por ser o primeiro reino medieval de Europa, senón por contar “cunha das maiores concentracións de gravados rupestres do continente e cunha das fronteiras máis antigas do mundo. Estes son ingredientes suficientes para apostar pola historia no arranque do noso xeodestino. Unha aposta que se debe á indubidable e variada riqueza patrimonial dos nosos 14 concellos”, recordou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Unha decena de accións programadas

Durante o 2020 o xeodestino dará continuidade ás actuacións iniciadas no ano anterior afondando na aposta “por un turismo de calidade, innovador e sustentable, fomentando un turismo de alto valor engadido que leve a experiencia turística á excelencia”, como destacou Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos. Dentro das actuacións previstas para este ano desenvolverase un portal web e desembarcarase nas redes sociais, así como un banco de imaxes de todo o territorio que sirvan para achegar o Xeodestino a usuarios e usuarias.

Porase en marcha polo menos unha ruta turística que una determinados puntos do territorio vinculados ao ciclo de vida da pedra e unha serie de andainas culturais a celebrar entre xullo e outubro “de non máis de 5 ou 6 km e de dificultade asequible para todos os públicos que xirará arredor dun recurso patrimonial ou natural, un momento histórico ou un persoeiro senlleiro”.

Tamén se promoverá un concurso de curtametraxes de temática turística que aspira a ser a primeira edición dun certame a consolidar, aproveitando “o talento local para promocionar o xeodestino mediante vídeos guionizados que trasladen historias e experiencias no territorio”. Neste sentido celebrarase en setembro ou outubro un concerto relacionado co ciclo de vida da pedra  nun sitio como as canteiras, a contorna dun Ben de Interese Cultural ou espazos naturais situados preto dos xacementos.

Catorce concellos, un Xeodestino

Entre outras accións tamén se deseñará un novo folleto de carácter histórico con información sobre recursos patrimoniais senlleiros do xeodestino para distribuír polas oficinas de turismo do territorio ou novas tiradas de postais sonoras, coa imaxe doutros concellos e con pistas de audio que teñan relación en cada un dos casos con ese municipio. As persoas asistentes ao acto puideron desfrutar dun vídeo de presentación das postais sonoras, así como dun vídeo sobre o primeiro produto do Xeodestino, a ruta turística denominada ‘Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa’.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

- Publicidade -


+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies