spot_img
InicioPontevedra e ÁreaCarril acollerá a novidosa experiencia turística "Marisqueo nas Rías Baixas"

Carril acollerá a novidosa experiencia turística “Marisqueo nas Rías Baixas”

A Deputación de Pontevedra vén de lanzar catro novidosas rutas gratuítas para descubrir o “Marisqueo nas Rías Baixas” durante o mes de abril. A actividade, que se desenvolverá os días 14, 15, 28 e 29 de abril ás 10.00 horas, terán lugar en Carril, Vilagarcía de Arousa, e consistirán nunha charla informativa sobre a actividade e nun obradoiro práctico de marisqueo nas augas da Ría, co apoio das mariscadoras de AmarCarril.

A presidenta provincial informou que as prazas son limitadas, “temos entre 20 e 25 prazas por cada unha das rutas así que animo ás persoas interesadas a que presenten a solicitude de inscrición canto antes porque, estou segura, esta actividade van ter unha altísima demanda”. Deste xeito, o prazo para participar nas novas rutas “Marisqueo nas Rías Baixas” dos días 14 e 15 xá comezou e as persoas interesadas deben formular a súa inscrición a través do correo electrónico medioambiente@depo.es antes do 16 de abril. As rutas dos días 28 e 29 de abril abrirán o prazo de inscrición a partir do día 16 de abril e ata o 26 do mesmo mes.

Silva explicou que cada unha das rutas “Marisqueo nas Rías Baixas”, dunha hora de duración, organízanse en dúas partes. “Na primeira delas –informou a presidenta- ofrecerase unha charla de trinta minutos na que se explicará a historia do marisqueo en Carril; a situación e garantías sanitarias e de calidade dos produtos; se concienciará sobre a problemática que afecta ao marisqueo, entre a que se atopan as vagas de lumes como a vividos en outubro pasado que danou enormemente aos bancos marisqueiros; e se sensibilizará ás persoas asistentes sobre o coidado e respecto ao medio ambiente e medio mariño. A continuación, e tamén durante trinta minutos, terá lugar o obradoiro práctico de marisqueo, no que as persoas contarán co material necesario para levar a cabo a actividade (chuvasqueiro, luvas e rastrelos) e o apoio das mariscadoras de AmarCarril, que exercerán de monitoras”.

Xá esta aberto o periodo de inscrición para esta actividade que terá unha vertente formativa sobre o turismo e o medio ambiente e unha sesión práctica de marisqueo na Ría de Arousa

A presidenta da Deputación destacou que esta actividade vai “en estreita sintonía co Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 e coa campaña de promoción que este ano escollemos: Somos historias”. Neste eido, Carmela Silva asegurou que “o turista do século XXI non se contenta con contemplar senón que busca emocións e experiencias relacionadas coa realidade social e cultural dos destinos aos que viaxa e o marisqueo é unha actividade cunha forte pegada na sociedade, economía e cultura da nosa provincia e de enorme interese para aquelas persoas que queren vivir de cerca as nosas historias”.

Amais, Silva destacou a importancia das rutas “Marisqueo nas Rías Baixas” que “combinan a vertente turística coa ambiental, sensibilizando deste xeito á poboación local sobre a conservación e posta en valor dos nosos activos turísticos e das nosas rías como un recurso cun enorme potencial, que debemos optimizar de xeito sustentable”.

Carmela Silva tamén agradeceu a predisposición das mulleres de AmarCarril que “son un firme reflexo do carácter loitador e humilde das mulleres pontevedresas, exemplo de tenacidade, esforzo e traballo conxunto para sacar adiante proxectos de éxito e converter a unha actividade como o marisqueo, nun referente económico fundamental na meirande parte das zonas costeiras de Pontevedra”.

O punto de encontro para o inicio das rutas será o miradoiro Alto da Rosa (PO-548) 102 do Carril, en Vilagarcía de Arousa. As persoas que teñan confirmada a súa asistencia á actividade deberán traer unicamente calzado axeitado para a parte do obradoiro que se desenvolva na auga (o resto do material será facilitado pola organización).

- Publicidade -spot_img