spot_img
InicioGaliciaOito festivais audiovisuais galegos recibirán da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)...

Oito festivais audiovisuais galegos recibirán da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) 140.000 euros en subvencións

o-festival-play-doc-colabora-coa-prestixiosa-sala-metrograph-de-manhattan-na-sua-xiii-edicionA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou o pasado día 5, a relación dos oito certames adxudicatarios en 2018 da convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual.

Trátase de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto (Santiago de Compostela), Festival de Cans (O Porriño), (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Festival Carballo Interplay, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) de Santiago e Chanfaina Lab (San Sadurniño).

Entre eles distribúense, en diferentes contías, os 140.000 euros reservados a estas axudas, cuxa dotación experimentou un aumento do 21,7% respecto a 2017, reforzando así a liña ascendente dos últimos anos, con incrementos no seu orzamento do 9,5% en 2017 e do 16% en 2016.

En concreto, este ano apóiase con 28.863 euros o XIV Play-Doc, con 25.493 euros o XV Curtocircuíto, con 25.234 euros o XV Festival de Cans, con 21.117 a novena mostra (S8) e con 17.158 a undécima edición do festival de curtas de Bueu, así como tres encontros que se incorporan por vez primeira á listaxe de adxudicatarios: o V Carballo Interplay (14.510 euros), XII MICE (4068 euros) e V Chanfaina Lab (3553 euros).

Concorrencia competitiva
Este é o quinto ano no que a Agadic desenvolve este programa específico de subvencións co que regula, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. Unha comisión integrada por expertos independentes foi a encargada de analizar as propostas presentadas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese.

O obxectivo é apoiar o labor de difusión deste tipo de certames nos diferentes xéneros e formatos audiovisuais nos que están especializados: documentais, curtas, cinema experimental, etnográfico etc. Ademais e por primeira vez este ano, xunto cos traballos cinematográficos, apóiase a promoción dos contidos específicos para as plataformas dixitais a través da subvencións concedida ao Carballo Interplay.

A resolución desta convocatoria pode consultarse nos apartados de avisos e axudas do web da Axencia Galega das Industrias Culturais: www.agadic.gal/Avisos/detalles/512 e www.agadic.gal/Axudas.

Fuente//Agadic

- Publicidade -spot_img