A exposición fotográfica, composta por 10 imaxes, inaugurarase mañá ás 11:00 horas no hall do Pazo provincial e dará lugar a unha mesa redonda no edificio administrativo
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá nos xardíns do Pazo provincial a campaña de visibilización do colectivo LGTBI “Sorrisos transformadores”. A campaña, que forma parte das accións levadas a cabo pola Deputación de Pontevedra para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI, mañá 28 de xuño (día no que se inaugurará a mostra, ás 11:00 horas, na entrada do Pazo provincial), está dirixida a toda a sociedade e á poboación escolar en concreto. A campaña conta coa colaboración de ARELAS, a Asociación de Familias con Menores Trans.
“Sorrisos transformadores” é unha exposición fotográfica composta por 10 imaxes. Esta campaña “de visibilización positiva inclúe as imaxes de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta e irán acompañadas cada unha dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna”, sinalou a Presidenta. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadores e educadoras, xuristas, políticos e políticas, psicólogos e psicólogas… A exposición ten un carácter itinerante posto que a campaña, lembrou a Presidenta, “terá permanencia no tempo para que tamén se prolongue a reflexión por parte da cidadanía”.
As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña estará complementada pola oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.
Carmela Silva manifestou que “a LGTBIfobia está sumamente arraigada en todas as sociedades, e iso combínase coa falta de formación e información, que son bases fundamentais para acabar coa violencia e coa discriminación”. Por isto, “Sorrisos Transformadores” nace co obxectivo de lles dar visibilización, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e as súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.
A Presidenta afirmou que “temos que facer que a sociedade da nosa provincia lembre que calquera tipo de violencia sobre este colectivo supón unha vulneración atroz dos dereitos humanos”. Non en van, como lembrou, a Constitución (reiterada polo Tribunal Constitucional) e a Lei autonómica 2/2014 garanten o dereito á igualdade e non discriminación e establecen ademais, no caso da lei galega, o xeito de actuar dos poderes públicos na defensa dos dereitos do colectivo LGTBI. “O conxunto das administracións debería tomar nota do que di a Constitución e pórse do lado das persoas que sofren discriminación e violencia”, reclamou a Presidenta, “porque isto nunha sociedade moderna e avanzada non se pode consentir. Non abonda con palabras: hai que pórlle recursos e actuacións”.
Silva sinalou que “este é un gran día para a Deputación de Pontevedra, sentímonos moi orgullosas e orgullosos de ter posto en marcha esta iniciativa a prol da Igualdade”. “Cando dixemos que iamos abrir as portas e as fiestras da Deputación”, sinalou, “tamén se trataba disto: de abrilas ás persoas que son perseguidas por calquera tipo de discriminación, neste caso a que sofren as persoas trans, que están a loitar por que se lles trate con dignidade xa que iso é un dereito”.
Así mesmo, a Presidenta provincial animou a todos “aqueles concellos que queiran apostar pola loita pola igualdade” a que acollan a mostra xa que “as institucións públicas debemos mirar de fronte á igualdade e traballar para conseguila. A nosa voz debe ser un berro contra a discriminación e a violencia que sofren estas persoas porque somos os seus representantes, a través da nosa voz téñense que escoitar as de aquelas e aqueles que non teñen dereitos ou viven na discriminación”.
Trala inauguración da mostra fotográfica terá lugar unha mesa redonda no edificio administrativo da Deputación de Pontevedra no que, baixo o mesmo lema de “Sorrisos Transformadores”, participarán a presidenta da Asociación ARELAS, Cristina Palacios, a profesora da Universidade de Vigo e directora do Programa Oficial de Posgrao en Estudos de Xénero Beatriz Suárez Briones e, por último, a representante de Nós Mesmas Raquel Cordeiro.




