spot_img
InicioO MorrazoBueuBueu acomete melloras no Sendeiro Azul de Cabo Udra, un dos sues...

Bueu acomete melloras no Sendeiro Azul de Cabo Udra, un dos sues maiores atracticos turísticos

As melloras consistiron na colocación de mesas interpretativas e de sinalización do sendeiro. As obras foron acometidas mediante un convenio de colaboración entre o Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra, que ascendeu a case 11.000 euros

O Sendeiro Azul de Cabo Udra, un dos maiores atractivos turísticos e naturais do Concello de Bueu, xa dispón dunha nova sinalización e de certas melloras no mantemento, unhas obras coas que se dá resposta ao incremento do número de visitas que se producen ano a ano.

A actuación, financiada mediante un convenio subscrito coa Deputación de Pontevedra, e levadas a cabo pola empresa Ecoplanin Xestión e Información Ambiental S.L., consistiu no deseño, fabricación e colocación de mesas interpretativas en madeira tratada en diversas zonas. Tal é o caso de Chan de Esqueiros, que na actualidade supón o punto máis común de entrada ao Sendeiro Azul, no que se destacaron os distintos valores e elementos patrimoniais que o integran, ademais dunha imaxe e descrición de cada un deles.

Outra das mesas incluíuse nun dos miradoiros naturais nos que se ofrece unha interpretación das augas protexidas circundantes a Cabo Udra e a relación íntima dos valores naturais cos do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. No conxunto do patrimonio histórico – militar situouse unha mesa interpretativa na que se salienta este patrimonio, que abrangue desde a batería costeira de artillaría alí instalada durante a Guerra Civil española, e que conforma un dos escasos lugares desta índole que se conservan na costa galega. Por último, a última das mesas ofrece a interpretación da paisaxe predominante na senda constituída por una matogueira atlántica con elementos termófilos e rica en elementos singulares de fauna, como una interesante poboación costeira de Timon lepidus e Caprimulgus europaeus.

Con esta sinalización e mellora nos paneis interpretativos, a concellaría de turismo, dirixida pola nacionalista Silvia Carballo, busca cumprir un primeiro servizo de recepción e información aos visitantes que accedan ao espazo desde a senda, ao tempo que contribúe á ordenación espacial do medio protexido.

O orzamento ascendeu a case 11.000 euros, dos que a Deputación de Pontevedra achegou o 80% e o Concello de Bueu un 20%, segundo un convenio asinado en decembro do pasado ano. Neste sentido, o ente provincial busca garantir as óptimas condicións dos Sendeiros Azuis do conxunto de Pontevedra, territorio no que existen o maior número de galardóns azuis.

- Publicidade -spot_img