A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, recibiu hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) aos docentes e aos mozos e mozos que desde a primeira semana de agosto participan no programa académico `Brasilia sem fronteiras’, e que esta tarde rematan as actividades coa visita ás instalacións deste centro de estudos dependente de Turismo de Galicia.
Brasilia sem fornteiras` é un programa de formación académica organizado polo departamento de Cursos Internacionais da Univesidade de Santiago de Compostela en colaboración co Goberno do Distrito Federal de Brasilia (Brasil), no que participan mozas e mozos brasileiros.
Na súa estadía, Nava Castro, acompañada pola directora de Formación de Turismo de Galicia, Patricia Cuevas, explicoulles aos visitantes o funcionamento do CSHG ao tempo que percorrían as instalacións do mesmo.
Na visita, a directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polo catálogo de estudos que ofrece o CSHG, tanto no ámbito da xestión hostaleira como no relativo á formación en cociña. Nava Castro mostroulles tamén aos estudantes brasileiros parte do aulario e os talleres formativos cos que conta este centro docente.
Ademais da formación académica, dende a primeira semana de agosto veñen realizando visitas didácticas a distintas empresas e entidades docentes galegas que rematan hoxe coa visita do Centro Superior de Hostelería de Galicia
O programa inclúe formación académica e tamén un amplo calendario de aulas itinerantes constituído por visitas didácticas a algunhas empresas, ademais de realizar algunhas sesións de liderado no Camiño de Santiago e visitas a actividades culturais e a diversos puntos da cidade.
A directora de Turismo de Galicia agradeceu a oportunidade facilitada polo programa ‘Brasilia sem Fronteiras’ que supón para Galicia exercer de anfitrións para os mozos interesados en afondar nos seus coñecementos sobre a cultura do noso país. E destacou tamén a oportunidade de internacionalización do destino que supoñen iniciativas como as desenvolvidas nos Cursos Internacionais.