spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraBerta Cáccamo no Museo de Pontevedra

Berta Cáccamo no Museo de Pontevedra

Berta Cáccamo_MuseodePontevedraO Museo de Pontevedra inaugurou este venres a exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo. Este proxecto expositivo, concibido especificamente para este museo, aborda unha perspectiva inédita ou pouco explorada ata hoxe: a importancia do arquivo de Berta Cáccamo, entendido desde unha visión complexa e expandida, e as súas conexións directas coa súa pintura e coa súa obra en papel ao longo de toda a súa traxectoria artística. Estará aberta no Edificio Castelao ata o 9 de xuño.

Revista Cousas de nº21

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou a exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, xunto coa directora do Museo, Ángeles Tilve Jar,  o comisario da mostra, Juan de Nieves, e o irmán da artista, Xosé María Álvarez Cáccamo.

Berta Cáccamo_MuseodePontevedra
De esquerda a dereita: Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Juan de Nieves, Rafa Dominguez e Ángeles Tilve

Esta mostra recupera a obra da artista viguesa e pona en conexión cos cadernos, fotografías, debuxos e obxectos do seu arquivo, que vai ser doado en próximas datas pola súa familia ao Museo. A exposición estará aberta no Edificio Castelao ata o 9 de xuño.

O Legado foi constituído en 2018 por familiares e amigos da artista viguesa, logo do seu prematuro falecemento, co obxectivo de manter viva a súa memoria e de difundir a súa obra. Nestes anos celebráronse varias exposicións individuais, como a do Museo Patio Herreriano de Valladolid en 2022, publicáronse libros sobre o seu traballo e institucións como o Museo Reina Sofía e o Banco de España adquiriron obra súa. Deste xeito, a obra da artista viguesa conseguiu o recoñecemento que merece dentro da súa xeración.

Berta Cáccamo_MuseodePontevedra

Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo é o colofón deste traballo de posta en valor. É ademais, parte dun obxectivo máis ambicioso de preservar a memoria da que foi profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O arquivo da pintora, agora xestionado polo Legado, pasará ao Museo de Pontevedra co fin de que o conserve, ordene e difunda publicamente.

Parte desta documentación que se entregará formalmente ao Museo en próximas datas está agora presente na exposición, para que o público poida contemplar as conexións entre os diferentes rexistros presentes no arquivo de Berta Cáccamo e a súa obra pictórica. Nas 15 vitrinas instaladas móstranse 30 cadernos, diarios e libros de artista; fotografías de obras, persoais e de viaxes, e 26 obxectos atopados e levemente manipulados que nos axudan a entender o seu universo estético.

Con eses rexistros do arquivo dialogan as arredor de 40 pinturas e máis de 30 debuxos que se exhiben na mostra. Foron creados nas diferentes cidades nas que viviu Cáccamo ao longo dos 33 anos de traxectoria que cobre a exposición, desde mediados dos 80 ata 2018: Vigo, Barcelona, París e Roma. Xunto a un amplo conxunto de obras pertencentes ao Legado Berta Cáccamo, atópase obra cedida para esta exposición polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e as coleccións La Caixa, Banco de España, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Afundación.

Recital e seminario

A exposición complétase cunha programación paralela con dous fitos importantes en maio e xuño. O 3 de maio, Xosé María Álvarez Cáccamo realizará unha lectura pública do seu poema Berta, unha composición longa que en 2019 publicou a editorial Chan da Pólvora e que será presentada e comentada polo comisario, Juan de Nieves.

Berta Cáccamo_MuseodePontevedra

Xa o 7 de xuño, o Museo reunirá aos directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos. Aquí estarán, entre outros, Manuel Segade, director do Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora de Artium; Javier Hontoria; director de Museo Patio Herreriano; e Eduard Vallès, xefe de coleccións  do Museu Nacional d’Art de Catalunya.

Berta Cáccamo

Berta Álvarez Cáccamo (Vigo, 1963 – Vigo, 2018), comezou a súa carreira como artista a mediados da década de 1980. Licenciada en Belas Artes pola Facultade San Jordi de Barcelona, doutorouse nesta facultade e posteriormente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde exerceu a docencia de 1995 a 2013. Gozou de bolsas coma a Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia en 1987 e a de Creación Artística Banesto en Madrid en 1990. Obtivo o segundo premio na XXI Bienal de Pontevedra, co que fixo dunha estancia na Cidade Internacional das Artes en París entre 1990 e 1991. En 1992 e 1993 foi bolseira na Academia de Belas Artes de Roma.

Galerías e centros dedicáronlle preto de 40 exposicións individuais, entre elas Expansión ensaio, no CGAC, en 2017, e Horas felices, un transitar, no Museo Patio Herreriano de Valladolid, en 2022. Ademais, expuxo de forma individual en espazos de Vigo, A Coruña, Madrid, Baiona, Barcelona, Porto, Palma de Mallorca, Zaragoza, Santiago de Compostela, Palencia, Eivisa, San Sebastián, Cambados e Ferrol. Tamén estivo presente a súa obra en arredor dun cento de exposicións colectivas en Galicia, España, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, Alxeria, Cuba, México, Suíza e Alemaña.

A súa obra gráfica forma parte de varias edicións. Tamén ilustrou libros, entre eles o poemario Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora, 2017), que obtivo o premio ao libro ilustrado na III Gala do Libro Galego (2018). Entre a ducia de premios obtidos na súa carreira, destaca o Premio da Cultura Galega na Sección de Artes Plásticas (Xunta de Galicia, 2017).

- Publicidade -spot_img