Cangas volverá ser este verán a capital galega do teatro. A 41 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC) celebrarase entre o 27 de xuño e o 7 de xullo de 2024. Once días nos que todos os recunchos, rúas e prazas da vila morracense se encherán do mellor teatro galego, nacional e internacional.
Como xa é habitual, o cartel desta 41 Mostra é obra dun artista da contorna. Neste caso, a autora é Loreto Blanco Salgueiro, natural de Moaña e canguesa de adopción. A artista, profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten ás súas costas unha longa traxectoria artística como pintora e tamén traballa con diferentes formatos de vídeo e coa fotografía. O cartel desta Mostra é unha imaxe cargada de color e optimismo onde os protagonistas son seres, fantásticos e reais, moi diferentes montados sobre pilas vermellas. Persoas, extraterrestres e outros personaxes do mundo da imaxinación “viaxando unidos desde o Cosmos á Terra para ver os espectáculos da Mostra”, segundo explica a propia autora.
Loreto Blanco recoñeceu que, cando a organización lle propuxo facer o cartel desta edición, “tiven dúbidas porque non son cartelista e non me sentía capaz de facelo”. Sen embargo, “asumín o reto e gustoume moito encaixalo na miña obra, vencellándoo co meu propio mundo creativo”. De feito, a pila vermella flotando no espazo exterior é unha imaxe onírica da artista que xa empezara a plasmar nunha pintura antes incluso de saber que ía facer o cartel. Por iso, decidíu empregar esta figura creada pola súa propia imaxinación durante un soño porque “o absurdo tamén é parte do teatro”.
O cartel ten de fondo unha imaxe da NASA, a nebulosa de Orión, unha das máis brillantes que existen. “Quería crear unha imaxe de seres vivos diversos nunha unidade”. Para Blanco Salgueiro o cartel da Mostra é “unha peza máis da miña obra, perfectamente vencellada e integrada”. “Como di a miña filla, unha ‘loretada’”, confesa.
TEATRO “CÓSMICO”
Unha das curiosidades desta obra atopámola no nome do propio festival. Facendo alusión á temática galáctica da imaxe, Loreto Blanco permitiuse a licenza de falar dunha mostra ‘cósmica’ no canto de ‘cómica’. “Para min era a guinda do pastel porque, sen dúbida, esta será unha Mostra cósmica e cómica”, aclara a autora.
A directora artística da MITCFC, María Armesto, cualifica a Loreto Blanco de “artista excepcional, con voz propia, única e universal”. A organización valora moi positivamente a súa concepción da arte “como ferramenta terapéútica”.
Esta non é a primeira vez que Loreto Blanco colabora coa Mostra. En 2021, protagonizou a exposición ‘Cantos somos nun eu?’, dentro do programa de ‘Mulleres en Acción’ desa edición.