spot_img
InicioGaliciaCompostelaA Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación ratifica a repulsa ao...

A Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación ratifica a repulsa ao xenocidio en Gaza

a-asemblea-xeral-do-fondo-galego-de-cooperacion-ratifica-a-repulsa-ao-xenocidio-en-gazaOs concellos de Pantón, Sober, A Cañiza, Montederramo, Cangas e Tui únense á rede para loitar contra a pobreza e as desigualdades a nivel global

Revista Cousas de nº21

As deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade presidida polo alcalde de Nigrán, Juan González, ratificaron onte na Asemblea Xeral celebrada en Santiago de Compostela a súa repulsa ao xenocidio que Israel está a cometer en Palestina. Os máis de 40 representantes municipais presentes concordaron en condenar a violencia infrixida contra a poboación civil e esixir o cumprimento do dereito internacional humanitario, tal e como expresaba o comunicado lanzado xa no mes de outubro polo Fondo Galego. A entidade está estudar a realización de futuros proxectos na Faixa de Gaza e actividades de sensibilización en Galicia.

No entanto, a xuntanza deu comezo coa ratificación da alta dos seis concellos que se asociaron ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no que vai de ano: Pantón, Sober, A Cañiza, Montederramo, Cangas e Tui, mentres que só Riotorto causou baixa en 2023. Así mesmo, presentouse a memoria técnica e económica do pasado exercicio, no que destacan os oito proxectos de cooperación internacional impulsados ou grandes eventos como o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía organizado na Illa do Príncipe e o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional celebrado en Lugo.

A orde do día icluía tamén a aprobación das Liñas Estratéxicas para o mandato 2024-2027 nas que se aposta por seguir incrementando a base asociativa e a capacidade orzamentaria da entidade, pola formación dos cadros políticos e técnicos municipais no ámbito da cooperación e da Axenda 2030 ou polo fomento das alianzas estratéxicas, alén de continuar mellorando o impacto das accións de cooperación ao desenvolvemento e sensibilizando en materia de solidariedade internacional, Dereitos Humanos e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Así se contempla asemade no Plan de Actividades 2024, pois seguirase apoiando o progreso dos países do Sur Global tanto a través dos proxectos como da cooperación técnica, que permitirá a persoal das deputacións e concellos galegos colaborar cos seus homólogos en Mozambique e Cabo Verde. No eido da educación para a cidadanía global, os municipios socios do Fondo Galego teñen ata o 15 de abril para solicitar diversas actividades dirixidas á cidadanía, desde cinema sobre soberanía alimentaria e dereitos reprodutivos ata obradoiros de videoactivismo e comunicación de guerrilla arredor do cambio climático, pasando por danza africana ou teatro sobre a situación nos campos de persoas refuxiadas.

A planificación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para o ano en curso contempla tamén o apoio ao programa Galicia Abriga de acollemento temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos, cuxa primeira edición xa está en marcha. Neste senso, a Asemblea pechouse coa intervención da presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, que explicou a necesidade e os obxectivos desta iniciativa.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 105 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.  

- Publicidade -spot_img