Como veñen facendo desde hai 34 anos, os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, coincidindo co Día das Letras Galegas, celebrarán o próximo 17 unha nova edición da Festa da Bicicleta que esta ano sairá desde o Parque da Palma de Baiona
O Concello de Baiona, como organizador este ano da proba, acolleu onte o acto de presentación da 34ª edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor, que se celebrará o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Ao acto de presentación acudiron os alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña e o alcalde de Gondomar e actual presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Paco Ferreira, así como concelleiros de Deportes dos tres concellos, Ana Iglesias concelleira de deportes de Baiona e condutora do acto de presentación, Sara Penedo, de Nigrán, e Nuria Lameiro de Gondomar, acompañados de colaboradores, representantes das Policías Locais dos tres concellos da comarca e o representante do patrocinador do evento Agua Sana.
As inscricións e entrega de dorsais realizaranse nos respectivos puntos de saída de cada municipio con 40 minutos de antelación co único requirimento de ser maior de 7 anos, contar con bicicleta propia e levar casco.
Así, en Baiona partirán ás 10:00 horas desde o Parque da Palma, en Nigrán ás 11:00 horas desde o Pavillón de Deportes e en Gondomar, tamén ás 11:00 horas desde o Concello. Todas as persoas participantes dispoñerán de seguro de accidentes e responsabilidade civil.
No acto de presentación os alcaldes destacaron a importancia deste evento que cada ano supérase e suma máis persoas participantes. Tamén se puxo en valor “esta ocasión especial para fomentar o uso deste medio de transporte tan saudable e amigable co medio ambiente. A bicicleta non só permítenos gozar de momentos en familia, senón que tamén contribúe a mellorar a nosa saúde e a coidar o noso planeta”.
O acto terminou “animando á cidadanía para participar nesta bonita actividade e que sigan gozando dos paseos en bicicleta en familia, a incorporar este hábito na nosa rutina diaria e a ser conscientes do impacto positivo que podemos ter na nosa contorna. Xuntos podemos construír un mundo máis saudable e sostible”.




