
O Concello de Baiona, prepara unha campaña de sensibilización contra as agresións sexistas que poñerá en marcha durante a celebración da Arribada.
Desde a área de igualdade están a manterse reunións con distintos colectivos para ultimar os preparativos da iniciativa e implicar a distintas entidades.
A campaña “AGRESIÓNOFF. Eu digo non á violencia sexual” ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía , especialmente á mocidade no rexeitamento cara ás manifestacións de violencia contra as mulleres, impulsando unha posición activa fronte ás condutas sexistas. A idea principal, é a de chegar de forma sinxela e accesible ás persoas máis novas e involucralas na necesidade de tomar conciencia na loita contra as agresións sexistas.
Tales situacións prodúcense especialmente durante as festas, adoitan darse entre a poboación máis nova e son as violencias que máis desapercibidas pasan polo ambiente e o contexto en que se producen, apunta a edil de igualdade Carmen Paredes.
Entre as actuacións que levarán a cabo estará a instalación dun punto informativo sobre recursos en materia de violencia de xénero. A iniciativa é financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade con fondos que proveñen do pacto de Estado contra a violencia de xénero (Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade) .
Os detalles da campaña daranse a coñecer o vindeiro mércores 20 de febreiro ás 12:30 horas no salón de actos do CPI Cova terreña. Ao acto de presentación acudirá a Secretaria Xeral de Igualdade, Dona Susana López Abella.



