spot_img
InicioVal MiñorBaionaBaiona aposta forte pola economía azul sostible

Baiona aposta forte pola economía azul sostible

Baiona aposta forte pola economía azul sostibleSe hai unha cor que define a Baiona é o verde. Pero tamén o azul. Os seus quilómetros de costa que dan ao Atlántico dan boa conta da estreita relación co mar.

Baiona sempre foi unha vila mariñeira e nun momento no que a economía trata de reinventarse, o Concello de Baiona aposta por novos conceptos, como a economía azul, o blue growth ou crecemento azul.“Trátase dun concepto creado recentemente pola Comisión Europea dentro da súa estratexia atlántica, que aposta pola economía marítima como un dos principais impulsores do crecemento do futuro de Europa“, sinala o alcalde, Carlos Gómez.

Por iso, o Parador de Baiona acollerá do 24 ao 26 de novembro de 2021, tres xornadas dedicadas a tres sectores da economía azul de vital importancia para o desenvolvemento sostible de Galicia en xeral e de Baiona, en particular.

Desde o Concello de Baiona quíxose crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea: Blue Atlantic Forum. O foro tratará diversas temáticas transversais aos tres sectores representados: Turismo marítimo e de Costa, Pesca e Acuicultura e Biotecnoloxía Mariña, tales como a formación, o financiamento, o emprendemento, o cambio climático ou as oportunidades que ofrecen as rías galegas na economía azul.

O desenvolvemento económico debe de ser sostible. Por iso, desde Baiona darase especial destaque aos obxectivos de desenvolvemento sostible. Cada unha das partes do programa está dedicado a un destes obxectivos.

Para o Alcalde de Baiona “Baiona ten que superar a fase de vivir de costas ao mar. Agora tamén faremos que a economía mire cara ao Atlántico, cunha nova estratexia de economía azul con que potenciaremos a creación de empresas e postos de traballo de calidade en diversos sectores. Con esta nova medida de goberno abriremos un mar de oportunidades, sumando competitividade económica e sustentabilidade ambiental. Somos conscientes de que o mar é un motor económico e un activo de valor para Baiona, que implica unha vantaxe competitiva respecto a outras localidades e que debemos aproveitar para diversificar o noso modelo económico para lograr un crecemento económico máis innovador e sostible”.

A economía azul é un sector que inclúe actividades como a pesca; a industria; o deporte (lecer, saúde, cultura),a gastronomía, así como a enerxía, a ciencia e a tecnoloxía vinculada ao mar e os océanos “desde a sustentabilidade”.

Baiona conta catorce quilómetros de costa que quere presentar como “gran atractivo” para o seu desenvolvemento económico para actividades como a pesca, a náutica, o turismo azul, a investigación e a formación e educación mariña.

“O proxecto é un compromiso cos veciños e veciñas e con Europa. Temos unha responsabilidade á hora de xestionar toda a nosa contorna natural. Empezaremos a sentar as bases da sustentabilidade do Concello de Baiona. Trátase dun proxecto inédito xa que ata o de agora non houbo preocupación dos anteriores gobernos por este tema”, conclúe o rexedor.

- Publicidade -spot_img