Inicio Galicia As tres universidades galegas consensúan coa Consellería non retomar as clases presenciais...

As tres universidades galegas consensúan coa Consellería non retomar as clases presenciais neste curso 2019/2020

As tres universidades galegas consensúan coa Consellería non retomar as clases presenciais neste curso 20192020A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López, e os reitores das tres universidades galegas, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Julio Abalde (UDC) reuníronse esta mañá por videoconferencia.

No marco desta xuntanza consensuouse, tal e como solicitaron os tres reitores, manter o calendario académico sen retomar as clases presenciais neste curso 2019/2020.

A Consellería enviaralles ás universidades unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino a distancia e a equidade entre o alumnado

Esta decisión tómase tras confirmar o Goberno central que o Estado de Alarma se vai prorrogar ata o 26 de abril e que aínda podería alongarse máis. En calquera caso, a conselleira informou aos tres reitores de que desde a Secretaría Xeral de Universidades se lles enviarán unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino virtual. Así mesmo, acordouse xuntarse novamente a finais de abril para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é consensuar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego, independentemente da universidade na que curse os seus estudos.

A finais de abril haberá unha nova xuntanza para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria

Por outra banda, Carmen Pomar solicitou aos tres reitores que poñan en coñecemento tanto da Consellería como da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia as modificacións que se fagan nas guías docentes e que estuden de forma minuciosa coa ACSUG as posibilidades para abordar as prácticas en funcións das particularidades de cada titulación.

Todas as partes coincidiron na necesidade de tomar todas as decisións no marco dun consenso e coordinación que permita ofrecer a maior certeza ao alumnado.

ABAU extraordinaria
Por outra banda, a conselleira informou aos reitores da ampliación das datas para a proba extraordinaria da ABAU ata o 17 de setembro, despois de que Galicia e outras CCAA o solicitasen na última Comisión Delegada de Política Universitaria.

Con este novo calendario, a conselleira reuniuse tamén esta mañá con membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG, con representación das tres universidades) para fixar as datas da ABAU extraordinaria, que en Galicia se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro.

Cómpre lembrar que, nunha reunión mantida o pasado 30 de marzo, a Consellería e a CIUG acordaron fixar nos días 7, 8 e 9 de xullo as datas da convocatoria ordinaria da ABAU en Galicia para este ano. Nas próximas semanas, e en función do que se acorde a nivel estatal, afondarase tamén no modelo de exame que, segundo coinciden CIUG e Consellería, debería ser similar ao habitual para darlle tranquilidade ao alumnado, que vén traballando sobre un determinado tipo de exercicios para preparar as probas.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies