spot_img
InicioGaliciaAs tres universidades galegas colaborarán coa Xunta e o sector turístico no...

As tres universidades galegas colaborarán coa Xunta e o sector turístico no deseño do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro

As tres universidades galegas colaborarán coa Xunta e o sector turístico no deseño do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino SeguroExpertos e expertas das tres universidades galegas están a traballar coa Xunta e o Clúster Turismo de Galicia nas bases do novo Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, co que o executivo autonómico pretende facer fronte á covid-19 e reactivar o sector turístico.

Concretamente o Plan, presentado hoxe en Santiago de Compostela polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, busca recuperar a confianza dos viaxeiros a través dun modelo turístico sustentable e de calidade e que sitúe a Galicia ademais como un destino seguro que ofrece un turismo tranquilo e non masificado.

O documento definirá o novo modelo turístico galego co que facer fronte aos efectos do coronavirus e reactivar a actividade e o emprego no turismo galego, tendo en conta as necesidades dos turistas no novo escenario postcovid. Alfonso Rueda destacou no acto de hoxe, no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; así como os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que “o Plan dará continuidade ao Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 e seguirá a fomentar un modelo turístico sustentable e de calidade cunha oferta segmentada, ao mesmo tempo que, debido á actual crise sanitaria, incidirá na mensaxe de que Galicia é un destino seguro”.

Mesas de traballo e entrevistas con axentes do sector
Rueda explicou que neste intre xa se están a levar a cabo mesas de traballo e entrevistas cos diferentes axentes do sector para realizar unha diagnose da situación actual da oferta e da demanda e das necesidades das empresas. Con este Plan, o vicepresidente primeiro da Xunta manifestou que espera recuperar a confianza dos viaxeiros nos próximos meses para contribuír á reactivación do turismo galego. Deste xeito, considera que o turismo tranquilo e non masificado que ofrece Galicia é un dos punto fortes da oferta turística galega e un aspecto moi demandado na actualidade polos visitantes neste escenario marcado pola pandemia. Así, explicou que Galicia “conta cun plus ao ser percibido nos últimos meses como un destino seguro que dá resposta ás demandas dos turistas que buscan maior contacto coa natureza e espazos abertos”.

Ademais, lembrou Rueda que esta “oportunidade” á que se enfronta o turismo galego nesta situación de necesidade de axudar ao sector enlaza con outra oportunidade que hai que aproveitar: o Xacobeo 2021. Neste sentido lembrou que a Xunta continúa a preparar o Ano Santo, considerado como motor da recuperación económica do sector, coa posta en marcha de medidas que permitan levar a cabo un Camiño Seguro e contar cun Xacobeo 2021 diferente pola covid-19 pero que será o mellor dos Xacobeos posibles e “o punto de partida dos tres Anos Santos da próxima década”.

- Publicidade -spot_img