Inicio Pontevedra As II Xornadas TurisTIC centradas no “Turismo Intelixente” enchen o Verbum de...

As II Xornadas TurisTIC centradas no “Turismo Intelixente” enchen o Verbum de Vigo

As II Xornadas TurisTIC centradas no “Turismo Intelixente” enchen o Verbum de Vigo As II Xornadas TurisTIC da Deputación de Pontevedra, centradas no “Turismo Intelixente”, congregaron no Verbum de Vigo a máis de dous centenares de persoas para escoitar a persoas procedentes de todo o Estado especializadas no eido da xestión turística intelixente dos destinos. 

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que interveu na primeira das mesas redondas tituladas “A colaboración público-privada dos DTI” xunto a David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, Fernando Fraile, director xeral do ICTE, e Javier Yagüe, responsable do Sistema de Xestión TIC no aeroporto de Vigo, fixo fincapé na importancia do evento para escoitar á sociedade, sumar sinerxías e apostar polas TIC no turismo para loitar contra o despoboamento.

As administracións temos que ser referencias do cambio, estar pendentes do novo que vai xurdindo na sociedade para implementalo e convertelo en recursos que garantan o futuro dos territorios. Por iso as TIC, son os grandes instrumentos para que o noso país non sega neste proceso de despoboamento; temos que empregalas, aproveitalas para transmitir o que nos identifica e fai únicas e únicos. Quen non faga isto neste século XXI perderá o tren do futuro e xa do presente”, asegurou Silva. A presidenta provincial tamén asegurou que para acadalo é preciso un compromiso da administración pública co sector público e privado. “Precisamos que as administracións se convertan en axentes do cambio, porque dende as institucións públicas xestionamos os recursos das persoas e debemos devolverllos en forma de novas ideas encamiñadas a construír un proxecto común para que a cidadanía teña un futuro de calidade”.

Neste eido, Silva puxo ás xornadas TurisTIC como unha ferramenta para escoitar á xente porque “o sector turístico e a cidadanía en Pontevedra está preocupada de poñer en marcha novas ideas que nos fagan máis grandes aínda do que somos”. Así, a presidenta destacou o talento que hai na provincia de Pontevedra e incidiu na importancia de que “as administracións abran as portas e fiestras, vexan a intelixencia que hai, escoiten á cidadanía para que a súa intelixencia entre nelas. Estas xornadas nos permiten tomar nota para converter ideas en realidades, máis no eido turístico, que representa o 12% do PIB de Galicia”.

Amais da suma de sinerxías e da importancia de incorporar a intelixencia da sociedade ás administracións, a presidenta tamén incidiu na necesidade de seguir apostando polo aeroporto de Vigo; no turismo das emocións e experiencias; e na importancia da calidade  (a provincia de Pontevedra é pioneira xa que é a que máis Q de calidade de Galicia ten) e a hospitalidade. Tamén recordou Silva que a Deputación de Pontevedra é a única administración galega no proxecto de desenvolvemento dunha Rede de DTI para España e que está a apostar pola intelixencia no sector turístico a través de proxectos como Tourist Inside ou TurisTIC.

Pola súa banda o Delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, incidiu na importancia de apostar polas tecnoloxías, pola intelixencia para reter talento nos territorios. Neste eido explicou iniciativas que se están a impulsar dende a Zona Franca para fomentar a cultura das TIC de forma colaborativa como os edificios intelixentes e o 5G. En canto a iniciativas de futuro, Regades amosou a necesidade de impulsar o turismo industrial. Tamén sobre proxectos de futuro falou Javier Yagüe, o responsable do Sistema de Xestión TIC e innovación no aeroporto de Vigo. Así, Yagüe adiantou aspectos nos que está a traballar xa o aeroporto para converterse nun “Smart Aeroport e enmarcados tamén na iniciativa de edificios intelixentes, no 5G, no recoñecemento facial, na realidade aumentada, no Design Thinking, ou na aposta pola calidade para converter a Peinador no aeroporto mellor de Europa en canto a servizos prestados ás persoas pasaxeiras.

A aposta pola calidade, por auditala e certificala e a suma de sinerxías entre organizacións, foi o eixo temático no que se centrou Fernando Fraile, director do Instituto para a Calidade Turística. Fraile, que fixo un percorrido por colaboracións público-privadas de éxito desenvolvidas dende o nacemento da Q de Calidade na década de 1990, incidiu en que a suma de sinerxías en materia de calidade non soamente deben darse entre o público e o privado, senón tamén entre o público e o público e entre o privado e o privado.

O segundo relatorio contou coa participación da xefa de proxectos de SEGITUR, Edurne Vidal; co xerente de desenvolvemento de produtos de AENOR; e co experto en turismo e presidente de Spain Live Music, Iñaki Gaztelumendi,. O moderador David Villar, líder de Especialización e Gobernanza de CTIC Asturias, introduciu o concepto de “Gobernanza dentro dos Destinos Intelixentes” que, segundo os relatores e a relatora, está baseada “na colaboración e a coordinación entre os distintos entes públicos e privados” que interveñen nunha actividade turística desenvolvida nun territorio dado. Ademais, tamén debateron sobre o exceso da información na sociedade actual e sobre a importancia de “mellorar a xestión e a capacidade analítica da información turística”. Tamén quixeron salientar “que non todos os modelos de xestión serven para todos os territorios”, senón que para unha correcta gobernanza dos destinos é preciso desenvolver unha “planificación estratéxica e unha toma de decisións en función dos datos, así como unha clara estratexia baseada nas demandas tanto do turista como do sector”.

Trala análise da gobernanza dentro dos destinos intelixentes arrancou o relatorio sobre “Innovación aplicada á comercialización turística”, conducido pola directora dos Paradores de Cambados e Pontevedra, Meritxell Marcos. Pola súa banda, Anna Borduzha, membro da empresa Mabrian, enxalzou a importancia que teñen valores como “a seguridade percibida durante e viaxe, o clima ou a satisfacción coa oferta turística”, entre outros factores, “para coñecer mellor como podemos adaptar a nosa oferta a cada un dos segmentos turísticos” a través da análise de datos. Finalmente, dende a empresa Perfeqto falou David González, que se centrou na “importancia do asociacionismo no sector hostaleiro” e reivindicou “máis tempo para xestionar os negocios vinculados á gastronomía” posto que, hoxe en día, “a xente busca máis o ambiente, ou facerse unha foto, que a propia comida”.

Pola súa banda, en “Exemplos de turismo intelixente en Pontevedra”, moderado pola responsable do programa de asesoramento e cursos de formación TurisTIC Sonia Torres, tomaron o relevo as voces de empresas pontevedresas que están a colleitar éxitos a través da sinerxía entre novas tecnoloxías e turismo. Deste xeito o CEO de Xoia Software Development, Xoel Vázquez, puxo o foco “na importancia que teñen as novas tecnoloxías na mellora da experiencia do turista antes de emprender a viaxe, durante a viaxe e despois da viaxe”. No caso da empresa Namorarte Viaxes Arqueolóxicas, Carmela Pereira asegurou que, “as novas tecnoloxías foron fundamentais para reducir custos e para chegar á xente de fóra de Galicia”. En canto á empresa Piragüilla Ocio e Aventura, Marta Iglesias apuntou que, ademais das novas tecnoloxías, é fundamental que neste tipo de negocios turísticos haxa “un compoñente humano” detrás. Ademais, ao longo do relatorio, reflexionouse sobre a necesidade “de máis axudas para a comercialización dos produtos”, así como unha “integración de esforzos no sector turístico vinculado ás novas tecnoloxías”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
282SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies