O Consello da Cultura Galega organiza unha xornada dedicada a Lois Tobío, personalidade polifacética e sobranceira da cultura e do exilio galego
O día 13 de marzo de 2023 fanse vinte anos da morte de Lois Tobío Fernández, membro do Seminario de Estudos Galegos, militante galeguista, escritor, xornalista, diplomático, tradutor e defensor da personalidade cultural de Galicia no mundo.
.
Con motivo desta efeméride, o Consello da Cultura Galega quere homenaxear a súa figura e ao mesmo tempo celebrar que a súa filla Constanza Tobío faga entrega ao Consello do fondo documental do seu pai, que inclúe correspondencia, manuscritos e documentos referenciais para a reconstrución de momentos e iniciativas tan importantes na nosa historia como o exilio ou a fundación do Consello de Galiza en 1944.
Para lembrar o labor desta personalidade polifacética e sobranceira da cultura e do exilio galego, organízase unha xornada o día 13 de marzo, na que intervirá Constanza Tobío, que fará unha breve lembranza do seu pai, e na que, a seguir, varios expertos analizarán a transcendencia da súa figura.