·Publicidade ·spot_img
InicioO MorrazoBueuAs curtas do alumnado e o filme ‘Sole’ complementan a Gala de...

As curtas do alumnado e o filme ‘Sole’ complementan a Gala de Clausura do FICBUEU

As curtas do alumnado e o filme ‘Sole’ complementan a Gala de Clausura do FICBUEUAutoridades e cineastas participarán mañá na cerimonia de entrega de premios, onde a presenza internacional será virtual

Diversos profesionais galegos e doutras autonomías asistirán mañá domingo á Gala de Clausura do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, mentres que aos convidados internacionais verémolos en vídeo. Membros dos distintos xurados como o director Fon Cortizo, a actriz Cris Iglesias ou a realizadora chilena Carolina Atudillo participarán tamén na cerimonia de entrega de premios, ás 19 horas no Centro Social do Mar. No entanto, a axenda de proxeccións e actividades continúa hoxe e mañá.

A partir das 11 horas celébranse en paralelo o ‘Encontro con Alfonso Agra’ no Punto de Encontro do Festival, onde o actor recibirá o Premio Cinema Galego do #FICBUEU2021, e mais a Mesa Proxecta ‘A comunicación nos festivais de cinema’ no Museo Massó. Media hora máis tarde proxectaranse as Curtas en Familia e ás 12:30 dará comezo o concerto de Marcelo Dobode dentro do ciclo ‘Mergullade’, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021. Ás 17 e ás 19 horas haberá pase dobre da Sección Galicia R, con coloquio posterior coas e cos cineastas, mentres que ás 21 horas se desenvolverá a Sección España e o respectivo debate.

A programación do Minific, destinada ás nenas e nenos, continúa mañá domingo ás 10:30 horas coa Gala Escolas Galegas, na que se entregarán os premios e se verán as obras gañadoras das tres categorías nas que se subdivide esta sección: educación especial, infantil e primaria; educación secundaria, e mais facultades e escolas de imaxe. De seguido, ás 13 horas, desenvolverase a proposta ‘As orixes do cinema’, con imaxes sobre os inicios desta arte ás que o trío Caspervek lles porá música en directo.

Xa pola tarde, ás 17 horas, gozaremos de ‘Dobre extra!’, un espectáculo musical para toda a familia, incluído tamén no programa ‘Mergullade’, onde o ilustrador Marc Taeger debuxará as cancións interpretadas por Paco Nogueiras. Ás 18:15 horas, as versións de Two in the mirror comezarán a soar nos exteriores do auditorio anunciando a recta final do festival, que ademais da cerimonia de entrega de premios inclúe a proxección de Sole, ás 21:30 horas, como filme de peche. O director da fita e membro do xurado internacional, Carlo Sironi, presentará online esta longametraxe sobre a maternidade subrogada.

Previamente, ás 19 horas desenvolverase a Gala de Clausura, na que se entregarán os galardóns ás obras premiadas e volverán proxectarse as gañadoras da Ánfora de Ouro e o Premio do Público. Ademais de cineastas galegos e españois autores das curtas, membros do xurado ou colaboradores do certame, no acto participarán autoridades do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, principais institucións financiadoras xunto coa Agadic e o ICAA. Acudirán ademais representantes de varias empresas patrocinadoras, como Gadis, R, Nodosa e diversos establecementos e entidades do Morrazo, cuxo apoio é fundamental. Todos van desfilar ante o tapiz de flores elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu.

A cerimonia, que estará conducida polo actor César Aldea, poderá seguirse en streaming e comentarse a través das redes sociais. Pero antes de que chegue o seu gran momento, as e os cineastas están a coñecer a riqueza cultural, natural e gastronómica da nosa zona a través do programa ‘Descubrindo a vila de Bueu’, coa colaboración de Turismo Rías Baixas e Turismo de Galicia, entre outros. Se a pasada fin de semana percorreron Cabo Udra da man de Leucoíña Pasea, hoxe visitarán o Museo Massó e navegarán nas embarcacións tradicionais da asociación Os Galos, mentres que mañá viaxarán á illa de Ons con Nabia.

As curtas do alumnado e o filme ‘Sole’ complementan a Gala de Clausura do FICBUEU

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies