spot_img
InicioO MorrazoBueuAs asociacións FICBUEU e Juan XXIII gravarán unha curtametraxe o próximo mércores

As asociacións FICBUEU e Juan XXIII gravarán unha curtametraxe o próximo mércores

Fotografía da rodaxe da Asociación FICBUEU e a Asociación Juan XXIII en 2018

Na filmación participarán persoas usuarias da asociación e contará coa colaboración de caras coñecidas do mundo da actuación

Revista COUSAS DE Nº13

A Asociación FICBUEU gravará unha curtametraxe con varias persoas con discapacidade intelectual da Asociación Juan XXIII de Cangas o próximo mércores, 29 de xuño. O comezo da rodaxe está previsto para ás 9 horas na sede da asociación, aínda que será ás 12 á hora á que se recibirá aos medios de comunicación no Castelo do Bosque Encantado de Aldán.

Na filmación participarán case unha vintena de persoas entre xente coñecida do mundo da
interpretación en televisión, cine e teatro, traballadoras e traballadores do FICBUEU e membras e membros do centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectual Juan XXIII de Cangas.

A curtametraxe, titulada “A fin do osíxeno”, contará a historia de dous intrépidos xornalistas (interpretados por Lois Soaxe e por Mónica Caamaño) que descubren que dúas científicas (Sé Rial e Anabel Budiño) están a experimentar para acabar co osíxeno do planeta, polo que terán que facer o posible por evitalo, nun reparto no que tamén formará parte Peter Punk. A peza leva preparándose desde xaneiro no obradoiro da Asociación FICBUEU, sendo a segunda filmada durante este ano con colectivos da zona despois da realizada con Érguete en Vigo.

Os obradoiros FICBUEU xorden en 2016 como parte da Área Social FICBUEU, na que se utiliza o cinema como ferramenta educativa e de cohesión social para traballar con colectivos, institucións, centros e colectivos en situación de vulnerabilidade, fomentando o respecto, a solidaridade e a igualdade.

Nestes obradoiros, as e os asistentes aprenden o proceso completo de creación de pezas audiovisuais, dende a idea e o guión, ata todo o traballo de pre-produción necesario para poder gravar, polo que na rodaxe do próximo mércores poñerán en práctica todo o aprendido ao longo dos últimos meses. Porén, o resultado será ao cento por cento froito do esforzo das persoas usuarias da Asociación Juan XXIII, poñendo deste xeito en valor as capacidades das persoas a través do cinema.

Con este tipo de iniciativas, a Asociación FICBUEU busca achegar o mundo do cinema ás persoas afastadas da creación audiovisual, amosando que é un instrumento de expresión, aprendizaxe e empoderamento de gran potencial. Os resultados de todo este traballo poderanse ver durante o acto inaugural do FICBUEU 2022, o día 11 de setembro, cando o filme será estreado durante a 15ª edición do festival, que promete moitas novidades.

Ademais, todas as obras realizadas dentro da Área Social FICBUEU estarán dispoñibles unha vez estreadas na canle de YouTube do festival, onde xa se atopan un bo número de curtametraxes feitas nos últimos anos.

 

- Publicidade -spot_img